Publicador de contidos
Publicador de contidos

65.000 persoas despídense de Bieito XVI na basílica de San Pedro no primeiro día de capela ardente

65.000 persoas despídense de Bieito XVI na basílica de San Pedro no primeiro día de capela ardente

Será o xoves cando se celebren os funerais, presididos polo papa Francisco, na praza de San Pedro

A raíña Sofía e o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asistirán ao oficio relixioso

G24.gal 02/01/2023 08:08 Última actualización 02/01/2023 21:08

A capela ardente do pontífice emérito Bieito XVI, recibiu este luns  65.000 fieis na primeira xornada das tres que se prolongará o velorio, informou o Vaticano.

O dato superou con fartura as expectativas, xa que a delegación do Goberno en Roma estimara en 35.000 os visitantes diarios.

Para as exequias, presididas polo papa Francisco o vindeiro xoves tamén na praza de San Pedro, esperábase a presenza diaria de ata 60.000 persoas no Vaticano, segundo as mesmas fontes, aínda que poida que agora esas estimacións se revisen á alza.

De momento, o Vaticano confirmou que as únicas delegacións presentes oficialmente serán as de Italia e Alemaña, aínda que o Goberno español confirmou este luns que a raíña emérita de España, Sofía, e o ministro español da Presidencia, Félix Bolaños, acudirán ao funeral.

A seguridade da capital italiana reforzouse estes días no Vaticano, coa presenza de máis de mil axentes das forzas da orde e o peche do espazo aéreo na praza de San Pedro durante as exequias que o vindeiro xoves presidirá o papa Francisco.

"O noso obxectivo é garantir a seguridade de quen desexe presentar os seus respectos", dixo o prefecto de Roma ou delegado do Goberno, Bruno Frattasi.

"Contaremos con polo menos 1.000 axentes das forzas da orde sobre o terreo para o funeral, unha cifra non inferior á prevista para a Noitevella", dixo Frattasi.

Ademais, durante todos o tres días de capela ardente, haberá un despregamento de varias unidades médicas móbiles e ambulancias, así como de 500 voluntarios de Protección Civil que tamén terán a tarefa de informar sobre as ringleiras e as esperas.

A capela ardente do papa emérito, que faleceu o 31 de decembro aos 95 anos, abriu este luns ás 9.00 horas.

Nesta primeira xornada permanecerá aberta durante dez horas, pero ese horario aumentará o martes e o mércores desde as 7.00 ata as 19.00 horas

A capela ardente do papa emérito Bieito XVI abriu hoxe ás 9:00 horas (8:00 GMT) para o último adeus dos fieis, centos dos cales esperan en ringleira xa desde primeiras horas da madrugada para entrar na basílica de San Pedro e despedir ao pontífice.

Os restos mortais de Bieito XVI están instalados na nave central da Basílica de San Pedro do Vaticano, diante do chamado altar da confesión, xunto ao famoso baldaquino de Bernini.

Os restos foron trasladados alí desde o mosteiro Mater Ecclesiae, onde residiu o papa emérito desde a súa histórica renuncia en febreiro de 2013 e onde este domingo foron velados por amigos, cidadáns e traballadores do Vaticano, así como polos cardeais e membros da Curia.

Antes de abrir a capela ardente na basílica celebrouse unha liturxia en privado cos cardeais e os máis próximos ao pontífice e entre os presentes atopábase a primeira ministra italiana, Giorgia Meloni.

Os primeiros fieis en entrar a despedir a Bieito XVI, a cuxo lado se atopaba o seu fiel secretario monseñor Georg Gänswein e o cardeal italiano Mauro Maria Gambetti, apiñáronse ante os restos, permaneceron fronte a eles uns minutos e os inmortalizaron cos seus móbiles.

Centenares de fies fan ringleira para despedir a Bieito XVI Centenares de fies fan ringleira para despedir a Bieito XVI

O defunto Bieito XVI descansa sobre un catafalco, cuberto por unha tea de veludo vermello e sostido por dúas almofadas, cunha casulla vermella e leva na cabeza unha mitra branca adornada. Ademais nas súas mans entrelaza un rosario nas súas mans.

Os asistentes falan dun "gran papa". "Unha persoa moi capaz, preparada e humilde". E "un exemplo de fe luminosa". Un teólogo que fixo historia ao ser o primeiro papa en renunciar nos últimos seis séculos.

Queda por saber se se respectará o protocolo e o simbolismo doutras mortes papais, xa que Bieito XVI foi o primeiro pontífice en renunciar en seiscentos anos. Está claro que non haberá conclave para elixir o seu sucesor porque ese cargo xa o ocupa Francisco desde hai dez anos. E tampouco se destruirá o anel papal que simboliza a fin dun pontificado porque xa se fixo en 2013 no momento da súa renuncia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar