Aberto ata o 20 de xuño o prazo para solicitar axudas para a compra de libros de texto
As achegas para os libros poden ascender ata os 240 euros en educación primaria e aos 270 na ESO
Os alumnos de educación especial terán axudas de 300 euros

A Xunta de Galicia abriu este venres e ata o próximo 20 de xuño o prazo para solicitar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar, así como para solicitar a inclusión no fondo de préstamo gratuíto.
No referido ás axudas á compra de libros de texto, mantense invariable o seu funcionamento xeral, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20 € e 30 € en función da renda familiar.
No caso do alumnado de 1º e 2º de primaria (non incluídos no fondo porque os libros non son reutilizables), así como no caso do alumnado do resto de cursos de ensino obrigatorio que non poida empregar libros do fondo, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000 euros) é de 240 euros e a do segundo (renda superior a 6.000 e igual ou inferior a 10.000) de 160 €, en Educación Primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270 € no primeiro tramo e 180 € no segundo.
Ademais, blíndanse axudas de 300 € para libros para todos os alumnos matriculados en Educación Especial -en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios-, así como para os de Primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, non poidan utilizar os libros de texto do fondo.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta segue recibindo o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240 € en Primaria e 270 € na ESO.
Solicitudes
A solicitude para as axudas á compra de libros, fondo e vales de material será única para todos os fillos e fillas que estuden no mesmo centro. Se estivesen escolarizados en centros distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica, utilizando a aplicación Fondolibros, será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno, aínda que estean escolarizados no mesmo centro.
Presentaranse preferentemente por vía electrónica, mediante o formulario dispoñible no Portal Educativo ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. De forma opcional, poderá facerse de maneira presencial nos centros educativos ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vales para material
No que respecta a vales para material, dirixidos a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior a 10.000 euros mantéñense dúas categorías. Na primeira delas, para rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000, o vale é de 75 euros. A segunda comprende as rendas superiores a 6.000 euros e iguais ou inferiores a 10.000, cun vale de 60 euros por alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de educación especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 euros, con independencia da renda.
Fondo de libros
O alumnado de todos os cursos entre 3º de primaria e 4º de ESO poderá acceder ao fondo de libros. Aqueles con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros teñen garantido o acceso a seis manuais; e no tramo de 6.000 a 10.000 euros, a catro. O alumnado en garda ou tutela da Xunta recibe seis libros con independencia da renda.
No curso actual, 163.023 alumnos tiveron libros gratuítos a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico, o que supón o 70 % do alumnado das etapas obrigatorias. Deles, 126.754 accederon tamén a vales de material.