Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta ve "un agravio" o novo atraso da chegada dos trens Avril a Galicia

A Xunta ve "un agravio" o novo atraso da chegada dos trens Avril a Galicia

A secretaria de Estado de Transportes fixa para verán ou outono a entrada en funcionamento destes trens, que recortarán en media hora a viaxe de Madrid ao Eixo Atlántico

G24.gal 10/01/2023 14:50

Máis dun ano despois da inauguración do AVE a Galicia, a alta velocidade efectiva aínda non ten data de chegada. Os Avril, da serie 106, son trens de ancho variable, o que supón que poderán circular entre Madrid e Santiago, A Coruña e Vigo a 300 quilómetros por hora sen cambiar de convoi, en lugar dos 220 que agora alcanza o Alvia no tramo galego. Cos Avril aumentarán as frecuencias e ampliaranse as prazas nun 65 por cento. Pero aínda haberá que esperar.

A secretaria de Estado de Transportes recoñecía nunha entrevista na Televisión de Galicia: "Eu espero que neste curso, oxalá para o verán ou principio do outono estean estes trens Avril. Non me atrevo a dicir a data porque estamos falando de homologación".

Isabel Pardo de Vera anunciara a chegada dos Avril inicialmente para o verán pasado e en setembro fixábaa para o primeiro trimestre deste 2023. Achacaba a demora a Talgo: "A fabricación leva un tempo e se se empeza tarde, acábase tarde".

O contrato asinado entre Renfe e Talgo fixaba para 2021 a entrega do primeiro dos 15 trens Avril. E o atraso na entrega abriu unha guerra entre a operadora e a fabricante. A ministra de Transportes mesmo falaba de "incumprimento de contrato". 

A Xunta considera "incomprensible" este atraso e esíxelle ao Goberno un calendario certeiro. Para a conselleira de Infraestruturas "É un novo agravio a Galicia con ese atraso novamente, que nos parece incomprensible. Pedímoslle ao ministerio de Transportes explicacións e un cronograma concreto e certeiro". Ethel Vázquez pide que se complete a conexión de Galicia por alta velocidade, que tamén quere estender a Ferrol e Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade