Todos os traballadores e usuarios das residencias vacinaranse contra a gripe
Sanidade vacinou xa contra a gripe 8.000 residentes
A conselleira de Política Social, Fabiola García, indicou este mércores que a Xunta vacinará contra a gripe a todos os empregados e usuarios de residencias de Galicia, unha poboación próxima aos 40.000 individuos, dos que 21.000 son residentes.
“Temos como meta que o 100 % estean vacinados nas próximas semanas”, subliñou García durante unha visita á residencia de maiores de Oleiros, xunto ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para supervisar o inicio da campaña nos xeriátricos.
Na súa intervención, a responsable de Política Social quixo tamén animar a todos os maiores que non viven en residencias a que se vacinen contra a gripe, pois "quedou patente durante o 2021 que o proceso de vacinación é algo necesario".
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sinalou que o proceso de vacinación da terceira dose contra a covid-19 xa terminou.
Sanidade citou os maiores de 80 para poñer a terceira dose e ofrecer a dobre vacinación. O 97 % dos contactos acudiron á cita e o 99 % puxeron as dúas. Así, puxo en valor o "alto" ritmo de vacinación que levou a Galicia a ser a comunidade autónoma "con maior pauta completa" contra esta enfermidade.
Comesaña dixo que xa vacinaron contra a gripe 8.000 residentes desde o 25 de outubro, que comezou a campaña nestes centros.
Polo momento, está a vacinarse aos maiores de 65 anos. A partir do 15 de novembro vacinarase as persoas de entre 60 e 64 e o 29 do mesmo mes comezará a inoculación para toda a poboación.