Máis de 877.000 persoas recibiron a vacina contra a gripe en Galicia
O incremento de vacinación máis notable acádase entre o persoal sanitario, cun 66,13 % de cobertura actual, 12 puntos por riba da temporada pasada
As persoas que aínda desexen vacinarse poden facelo mentres queden existencias solicitando cita de enfermería no seu centro de saúde
Un total de 877.213 persoas recibiron este ano a vacina contra a gripe en Galicia, informou este domingo a Consellería de Sanidade.
A vacinación alcanzou un 66 % do persoal facultativo, un aumento de 12 puntos porcentuais respecto a 2024; un 48 % das mulleres embarazadas, un incremento de case 8 puntos; un 73,19 % de persoas maiores de 65 anos, dous puntos de aumento; e algo máis de 65 % de nenos de 6 meses a 3 anos, que se mantén estable, segundo os cálculos da Xunta.
Aínda que a campaña concluíu, as persoas vulnerables aínda poden acudir a centros de saúde, mediante cita previa, para recibir inmunización na medida que haxa aínda dispoñibilidade de vacinas.