A Xunta suspende cautelarmente parte da actividade de Sogarisa por varias intoxicacións
Houbo varios avisos de centros sanitarios de Ferrolterra advertindo da existencia de pacientes con síntomas leves
A Xunta enviou este xoves tres inspectores do seu Servizo de Intervención Ambiental ás instalacións

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta comunicou este xoves a suspensión parcial da actividade no Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, nas Somozas (A Coruña), como medida "cautelar e preventiva ante a detección de varios casos de intoxicación na contorna".
O Goberno autonómico confirmou que o 112 Galicia recibiu "nas últimas horas avisos de centros sanitarios da comarca" de Ferrolterra "advertindo da existencia de pacientes que referían diferente sintomatoloxía de carácter leve, como dores de cabeza e molestias oculares, entre outras".
A Xunta enviou este xoves tres inspectores do seu Servizo de Intervención Ambiental ás instalacións, onde realizaron unha "inspección que polo momento non é concluínte", pero acordouse "suspender preventivamente a actividade nun dos focos de emisión" do complexo.
A administración autonómica ratificou que trasladou a súa decisión á xestora do recinto, a firma Sogarisa, e a apertura dun período de quince días para que persoal autonómico recompile "toda a información que se considere necesaria no marco da investigación aberta e resolver o expediente".
Así mesmo, pedíronse "oficialmente unha serie de datos e información sobre a actividade deste centro nas últimas 48 horas" e a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático iniciou medicións na zona sobre a calidade do aire para determinar "a posible orixe do foco de intoxicacións" e adoptar novas medidas.