A Xunta solicita á xustiza prorrogar o uso do certificado covid ata o 26 de febreiro
"O virus continúa tendo unha elevada circulación”, argumenta a Consellería de Sanidade

A Xunta de Galicia solicitou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) prorrogar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid-19 ata o próximo día 26 de febreiro nos ámbitos actuais, segundo informa o Goberno galego.
A pesar de que algunhas comunidades autónomas como Cantabria, Cataluña, País Vasco ou as Canarias retiraron recentemente a obrigatoriedade de presentar o pasaporte, a Xunta insiste no seu uso.
“Os indicadores epidemiolóxicos mostran unha tendencia descendente, tanto na taxa a 7 días (1.034 casos por cada 100.000 habitantes), como na taxa a 14 días (2.393 casos por cada 100.000 habitantes). Con todo, estes valores seguen sendo elevados, o que indica que o virus continúa tendo unha elevada circulación”, argumenta a Consellería de Sanidade nun comunicado.
Neste sentido, o Executivo galego incide en que “é importante que as autoridades sanitarias manteñan determinadas medidas de prevención orientadas a conter a propagación do coronavirus”.
Se é ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a medida prorrogarase nos establecementos de restauración, hostalería, lecer nocturno e de xogo que conten con servizos de hostalería.
Tamén seguirá sendo obrigatorio o pasaporte covid nas visitas a persoas hospitalizadas, así como acompañantes nos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos ou de diálises e acompañantes en centros sociosanitarios, residencias de maiores e de persoas con discapacidade.
Así mesmo, seguirase solicitando en albergues turísticos, en centros deportivos pechados e en eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o seu consumo durante os mesmos.
“Galicia segue apostando por presentar o certificado covid-19 como unha medida de prevención que ten como valor engadido, ademais, o fomento da vacinación e a realización de probas diagnósticas”, sostén a Xunta.