Publicador de contidos

Publicador de contidos

 A Xunta sinala que os atrasos en entregas a conta supuxeron importante custo para Galicia

 A Xunta sinala que os atrasos en entregas a conta supuxeron importante custo para Galicia

Galicia terá que pagar en intereses máis de 7 millóns de euros, reprochou o conselleiro de Facenda Miguel Corgos, que criticou o atraso do Goberno

O conselleiro de Facenda Miguel Corgos
G24.gal 23/07/2025 12:58

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reprochou este mércores o atraso na actualización das entregas a conta correspondentes ao primeiro semestre de 2025, que supuxo importantes custos para Galicia, que agora deberá afrontar pago de intereses.

Corgos pronunciouse así en declaracións remitidas aos medios despois de que o PP votase a favor da actualización das entregas a conta do Estado ás comunidades autónomas e entidades locais aprobada polo Goberno e despois de coñecer que o Ministerio de Facenda pospuxo o aboamento ata o próximo 30 de xullo.

Segundo o responsable das contas públicas en Galicia, resulta sorprendente que cando estamos a tramitar os primeiros pasos para a elaboración dos orzamentos de 2026, estea a falarse da aprobación dos pagos, as entregas a conta de 2025.

Lembrou que ese atraso de seis meses supuxo que Galicia ingresase 125 millóns de euros menos ao mes, que supón un acumulado de case 900 millóns de euros, que tivo moi importantes custos de financiamento, porque ese diñeiro era preciso para facer fronte aos gastos da comunidade autónoma.

Por iso, a día de hoxe, Galicia terá que pagar en intereses máis de 7 millóns de euros, reprochou o conselleiro, que criticou o atraso do Goberno cando en realidade as entregas a conta son a parte dos tributos cedidos que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia; por tanto, son parte dos tributos que pagan os galegos.

Doutra banda, Corgos reclamou a convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira e lembrou que esta é unha solicitude de todas as comunidades autónomas de réxime común, que se opoñen á cota catalá.

Corgos remarcou a importancia que tería esa reunión para que as comunidades autónomas poidan contar coa información precisa para elaborar o proxecto orzamentario do próximo exercicio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade