Temporais en Galicia: 7.613 incidencias en 3 semanas e auga como para abastecer os galegos 113 anos
Desde que arrincou 2026 só houbo un día sen choiva en todo o territorio galego e catro xornadas sen avisos meteorolóxicos
O caudal nos leitos dos ríos experimentou incrementos puntuais de ata o 310 %
O tren de borrascas encadeadas deixou ata 100 avisos á poboación nunha soa xornada
Só houbo este 2026 un día sen choiva en toda Galicia. Foi o 4 de xaneiro. Os responsables de xestionar os fenómenos meteorolóxicos adversos confirmaron con datos que este está sendo un ano excepcional.
"En concellos como Santa Comba, Lousame, Rois, Fornelos de Montes, Cuntis ou Santa Comba choveu no que vai de ano máis do que chove no concello de Ourense nun ano e medio", declarou Paula Uria, a directora xeral de Cambio Climático.
Os temporais xeraron un regueiro de incidencias, 7.613 nas últimas 3 semanas, e caeu tanta auga que podería abastecer a todos os galegos durante 113 anos.
Houbo días de ata 100 avisos territorializados, por chuvia, vento, ondas, neve, que esixiron xestionar incidencias, desde electricidade a estradas.
"Houbo máis de 50.000 chamadas no que vai de ano", contou Marcos Araújo, o xerente de Axega.
O responsable de Augas de Galicia, Roi Fermández, explicou o papel regulador dos encoros. Moitos deles non estiveran ata este ano en alerta vermella, por rozar a súa capacidade máxima. A maioría deles non acadaban desde hai dez anos os niveis deste 2026. E rexistráronse 536 avisos.
Segundo explicou Roi Fernández, no que levamos de ano hidrolóxico alcanzouse xa o 50% das achegas de auga anuais segundo as medias históricas, "e aínda quedan oito meses" por diante. Os principais ríos galegos van, de media, 3 veces por encima do seu caudal de anos anteriores.
"Desde o punto de vista do ecosistema non é malo que reborden os ríos. Pero si e certo que temos que chegar á poboación para dicirlle que hai un espazo que o río de cando en vez chama a atención e dinos que é del. E por iso debemos ser precavidos", declarou Ánxeles Vázquez, a conselleira de Medio Ambiente.
Os responsables de MeteoGalicia, Augas de Galicia e Axega 112, coa conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, á cabeza, participaron este venres nunha xornada informativa sobre a resposta que a Xunta está a dar a esta abundancia de fenómenos meteorolóxicos adversos, e que se basea na coordinación entre distintos niveis preditivos, organizativos e operativos.
A conselleira agradeceu a prudencia dos cidadáns, aos que lembrou a importancia de manter o ánimo e socializar. Despois da paréntese do sábado, a semana que vén volverá chover.