Jácome defende que os ingresos "á marxe do salario municipal" son legais
O alcalde de Ourense foi citado a declarar por un posible delito de apropiación indebida
Foi un exconcelleiro de Democracia Ourensana quen denunciou a Pérez Jácome
O rexedor ás portas do xulgado. Europa Press.
O alcalde de Ourense recoñeceu ante o xuíz do Tribunal de Instrución 1, onde foi citado para declarar por un presunto delito de apropiación indebida, que ten ingresos "á marxe do seu salario" como rexedor aínda que defendeu que son legais, segundo explicou o letrado do querelante.
En concreto, o avogado de Telmo Ucha, exconcelleiro de Democracia Ourensana que presentou denuncia contra Pérez Jácome por un posible delito de malversación, explicou á súa saída do Xulgado, consultado por medios, que o alcalde respondeu a todas as preguntas formuladas na vista, menos ás da acusación.
"Jácome recoñeceu que tiña ingresos á marxe do seu salario como alcalde, pero di que el entende que esa actividade que desenvolve está permitida pola lei. Pero a compatibilidade ten que pedila", engadiu.
En concreto, o xuíz de instrución admitiu a trámite dita denuncia nun auto de data 26 de novembro de 2025, alegando que os feitos descritos polo querelante "fan presumir a posible existencia dun delito de apropiación indebida", citando este venres como investigado ao propio rexedor, e como testemuñas ao asesor xurídico do Concello de Ourense, ao exsecretario xeral do Pleno do Concello e ao coordinador xeral da administración municipal.
Neste sentido, o exconcelleiro apuntaba na súa denuncia que no Pleno do 12 de xuño de 2023 aprobáronse as dedicacións exclusivas dos membros da corporación, incluída a do rexedor, "cunha asignación de 74.850,30 euros".
Con todo, segundo se expón na devandita denuncia, "o propio alcalde recoñece expresamente levar a cabo actividades mercantís" e "recoñece cobrar outras cantidades a maiores das propias da dedicación exclusiva".
Nesta liña, Telmo Ucha alegaba que "é un feito indubidado" que a actividade de Auria TV, canle de televisión vinculada a Democracia Ourensana, "segue funcionando ordinariamente", sendo Pérez Jácome "o que factura como autónomo e único responsable da empresa, recoñecido por el mesmo".
Por iso, o letrado do denunciante atribúe a Pérez Jácome un delito de prevaricación, falsidade documental e malversación. Consultado polos medios acerca da declaración deste venres, o avogado explicou que o rexedor "non concretou a cantidade de diñeiro que está a percibir", e afirmou que "queda acreditado" que o alcalde "desenvolve outra actividade máis aló da alcaldía sen pedir a perceptiva compatibilidade", de tal forma que agora "só falta interpretar xuridicamente" os feitos.
"Non quedan dilixencias pendentes, con isto debería pecharse a instrución", engadiu.
Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome non quixo informar acerca da súa declaración ante o xuíz, pero aproveitou a súa entrada aos Xulgados para felicitar o Entroido
Con respecto ás testemuñas, o actual asesor xurídico do Concello preguntado acerca da posible incompatibilidade da actividade pública e privada do alcalde, o asesor sinalou que a lei di que "é necesario pedir a compatibilidade cando se realizan actividades remuneradas" e que "no caso contrario, no caso de non realizar actividades remuneradas, non".