Máis dun cento de solicitudes de axudas para adquirir inmobles en centros históricos e vivendas protexidas
Máis dun cento de solicitudes de axudas para adquirir inmobles en centros históricos e vivendas protexidas
Desde a Xunta urxen o Goberno central a unha conferencia sectorial
A conselleira de Vivenda volveu amosarse crítica coa petición da alcaldesa da Coruña para que a cidade sexa declarada como zona tensionada polos prezos elevados dos alugueiros
A Consellería de Vivenda recibiu máis dun cento de solicitudes de axudas para a adquisición de inmobles en centros históricos e vivendas protexidas. As contías van dos case 11.000 euros aos 20.000. Desde a Xunta fan balance desta liña de axudas e urxen o Goberno central a unha conferencia sectorial de vivenda.
"Cando falamos de vivenda protexida e desas axudas que damos de ata 20.000 euros temos unha paralización porque non sabemos en que vai quedar esa lei de vivenda. Sabemos que nos concederon unha reunión bilateral, pero non sabemos o prazo", di Ánxeles Vázquez.
Ademais, a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda volveu amosarse crítica coa petición do Concello da Coruña para que a cidade sexa declarada como zona tensionada polos prezos elevados dos alugueiros.
"Chama a atención que Inés Rey, sendo unha alcaldesa do PSOE e tendo enriba da mesa recursos de inconstitucionalidade da lei de vivenda do PSOE, e algúns deses recursos de inconstitucionalidade son mesmo dos socios de goberno, pois solicite á Xunta de Galicia zonas tensionadas, primeiro porque o Concello da Coruña non ten ningún tipo de estudio e segundo porque non sabemos se vai saír adiante esta lei", engade a conselleira de Vivenda.
Ánxeles Vázquez insta a esperar ao que dite o Tribunal Constitucional sobre a lei de vivenda e en que deriva a reunión bilateral solicitada pola Xunta ao Goberno central para tratar sobre esa normativa.