Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta prorroga un mes as medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

A Xunta prorroga un mes as medidas preventivas ante a dermatose nodular contaxiosa

Esta decisión terá os seus efectos desde o próximo 1 de setembro e ata o 30 do mesmo mes, ambos os días incluídos, coa posibilidade de prórroga en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade

Rosa Veiga-Europa Press Rosa Veiga-Europa Press
G24.gal 28/08/2026 13:17

A Consellería do Medio Rural publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova resolución pola que se manteñen as medidas de prevención da enfermidade da dermatosis nodular contaxiosa que afecta o gando bovino, co fin de seguir protexendo a cabana galega.

Esta decisión terá os seus efectos desde o próximo 1 de setembro e ata o 30 do mesmo mes, ambos os días incluídos, coa posibilidade de prorroga en función da evolución epidemiolóxica da enfermidade.

A Consellería, nun comunicado, indicou que a análise de risco sanitario existente, que é realizado de forma permanente polos servizos veterinarios oficiais do departamento autonómico, aconsella manter as medidas cautelares establecidas en Galicia.

Con esta resolución están permitidas as feiras, certames, poxas, mercados e concentración de gando bovino con finalidade comercial, pero só poden asistir animais de explotacións galegas.

Así mesmo, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que asistan a este tipo de eventos teñen que acceder ás instalacións baleiras, limpos, desinfectados e desinsectados.

Con respecto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, continuará sendo precisa a autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.

Do mesmo xeito, mantense o período de vixilancia veterinaria oficial vixente, de 28 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino á vida- desde a data da súa incorporación á explotación de destino na comunidade.

Todos os animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de forma cautelar durante o mesmo período de tempo. Unha inmobilización que afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.

Do mesmo xeito, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.

Ademais, Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade