A Xunta presenta ante o Goberno a declaración de zona catastrófica das rías da Coruña e Pontevedra
O conselleiro do Mar pide sensibilidade cos 5.000 afectados pola mortaldade do marisco
O conselleiro do Mar informou os representantes das confrarías de que xa está presentada a documentación e informes técnicos para que o Goberno central declare zona catastrófica as rías das provincias da Coruña e Pontevedra.
"Pedímoslle ao Goberno central que teña a mesma sensibilidade que tivo declarando zonas catastróficas en setembro outras comunidades, ben polos incendios, ben por chuvia intensa. Son casos moi parecidos aos que están pasando aquí en Galicia", dixo Alfonso Villares.
Estímase que hai máis de 5.000 afectados polas consecuencias da baixa salinidade das augas. E non todos cumpren os requisitos para recibir as axudas directas por non ter marisco que apañar.
"Quedaría moita xente fóra do cesamento de actividade e desta forma, ao ser zonas catastróficas entrarían todos os mariscadores", apuntaba José Antonio Pérez, patrón maior de Ribeira e presidente da Federación Galega de Confrarías.
A Xunta non descartar outras posibles axudas. E traballa co sector nun plan de acción para paliar no futuro consecuencias como as derivadas este ano das intensas chuvias. As confrarías piden que se investiguen outras posibles causas da mortaldade do marisco.
"Ten que haber uns estudos profundos. Algo está pasando co marisqueo. Xa desde hai uns anos imos a menos e agora vénnos un desastre coma este e a xente está moi nerviosa", reclamaba o presidente da Federación de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso.
Pero representantes do sector coinciden en que a urxencia agora é a declaración de zona catastrófica, unha decisión, di o conselleiro do Mar, que pode ser moi áxil e só depende do compromiso da Administración do Estado.