A Xunta pídelle ao Estado celeridade nos trámites para favorecer o retorno dos emigrantes a Galicia
A media de idade dos emigrantes chegados á comunidade en 2020 foi de 37 anos
No Goberno galego ven posible o ingreso deses vinte mil emigrantes para manter o censo; só no ano da pandemia chegaron uns 4.000
Este luns falamos na RG co secretario Xeral de Emigración sobre o plan no que traballa a Xunta para favorecer a integración de emigrantes retornados a Galicia.
Á falta dos datos sobre os emigrantes que chegaron a Galicia no último ano, facilitados polo INE, apunta Rodríguez Miranda que só no ano 2020, e a pesar da baixa mobilidade da pandemia, retornaron a Galicia máis de catro mil galegos.
Celeridade nos trámites
Salienta Miranda que trámites como a homologación de títulos para poder traballar, acadar o permiso de residencia para familiares sen a nacionalidade ou o acceso á vivenda son as principais dificultades ás que se enfrontan moitas destas persoas cando volven a Galicia.
Neste sentido, Miranda remarca a petición da Xunta ao Goberno Central, demandando ao Ministerio que actualice a normativa na materia e máis celeridade nestes procedementos, para que os emigrantes podan empezar canto antes unha nova en Galicia.
Respecto á demografía, Rodríguez Miranda ve posible acadar o obxectivo da Xunta de que entren a Galicia vinte mil emigrantes ó ano, para manter así o censo.
Neste senso, salienta, só en 2020 o saldo migratorio foi positivo para a comunidade en catorce mil persoas, e no 19 foi de dezasete mil.
"Cifras coas que conseguimos revertir o saldo vexetativo negativo e que Galicia gañase poboación", argumenta.
Sobre o perfil dos emigrantes, apunta Rodríguez Miranda, o 80 por cento dos que volven a Galicia teñen menos de 65 anos, e o 60 por cento menos de 45.
"O pasado 2020, a media dos retornados foi de 37 anos, persoas moi novas que significan moito para a comunidade no sentido demográfico pero tamén no produtivo".
Medidas para o acollemento
O secretario xeral de Emigración da Xunta, rematou a súa intervención coas medidas que está a levar a cabo a Administración na materia, centradas no acollemento das familias, algo no que xa veñen traballando as oficinas de asesoramento ós emigrantes retornados, que no último período atenderon máis de seis mil persoas.