Cen rapaces con antepasados galegos conectan con Galicia no Camiño de Santiago
Un grupo de mozos e mozas de entre 18 e 21 anos procedentes de sete países van percorrer a ruta xacobea do 19 ao 31 de xullo
Durante a súa estadía aloxaranse nas residencias xuvenís de Altamar, en Vigo, e Florentino López Cuevillas, en Ourense
Chega o verán e canda el o programa "Conecta con Galicia no Camiño", unha iniciativa da Secretaría Xeral de Emigración que leva 35 edicións e que suma xa 3.500 participantes.
Este sábado, aterraron en Vigo uns cen rapaces de entre 18 e 21 anos, procedentes de sete países, que teñen en común ter antepasados galegos. Farán o camiño de Santiago, aloxaranse nos albergues da Xunta e contactarán coas súas familias en Galicia.
Uns seguirán o camiño portugués, outros a ruta da prata e todos chegarán xuntos a Compostela a finais de xullo.
"Que os nosos mozos do exterior conecten coas súas raíces, coa súa tradición, coa súa terra de orixe a través dunha experiencia vivencial como é o Camiño de Santiago é a mellor maneira de coñecer Galicia. A expectativa que teñen de poder atoparse co lugar de onde procede a súa familia realmente é moi intensa", conta a TVG Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.
"Tres dos meus catro avós naceron aquí en Galicia, na Illa de Arousa. Galicia para min significa tradición, significa cultura, e significa tamén unha parte do meu corazón porque medrei na irmandade galega e medrei rodeada da cultura venezolana e da galega, que forma parte de toda a miña vida", explica Valeria Dios, que acaba de chegar de Venezuela.