Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Universidade da Coruña propón a descentralización de medicina e aparca o título propio

A Universidade da Coruña propón a descentralización de medicina e aparca o título propio

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña dálle un prazo de dous anos á Xunta para facer a descentralización do grao

Reunión do Consello de Goberno da UDC en xullo. Europa Press. Reunión do Consello de Goberno da UDC en xullo. Europa Press.
G24.gal 04/11/2025 15:12 Última actualización 04/11/2025 15:19

O Consello de Goberno da Universidade da Coruña aprobou a declaración de interese para impartir a titulación de Medicina, pero tamén dá dous anos de prazo á Xunta para facer a descentralización do grao e deixar á marxe o título propio.

O reitor da UDC, Ricardo Cao, propuxo "unha descentralización progresiva da docencia de 4º, 5º e 6º do grao de Medicina, un proceso que afectaría tanto o sistema sanitario como ao sistema universitario".

Así, indicou, "non se trata só de facer participar na docencia a todo o sistema sanitario senón que tamén recolle unha participación das tres universidades, cada unha delas con profesorado propio e con capacidade para coordinar a súa docencia a través dos seus respectivos departamentos".

O texto presentado inclúe un concerto único do Sergas coas tres universidades galegas para o uso das institucións sanitarias co fin de que todas as partes implicadas teñan coñecemento do que negocian as demais. Neste concerto deberá establecerse, indicou Cao, "cales son as institucións sanitarias que quedan vinculadas a cada universidade respectando o criterio territorial".

A UDC propón que a descentralización se realice "en dous cursos académicos: 2026-2027 e 2027-2028". Cao tamén solicitou financiamento á Xunta para afrontar os gastos da descentralización. O reitor comprometeuse a aprazar o envío da memoria do título de Medicina a verificación ata o ano 2027.

Con todo, establece dúas condicións claras e que, de darse, romperían o pacto: o incumprimento das condicións, prazos e programación da descentralización -o que lexitimaría á UDC para continuar co proceso de implantación do título- e se se presentan solicitudes de títulos por parte doutras institucións durante ese prazo.

"Desde a UDC debemos seguir traballando nunha titulación de Medicina propia que some ao sistema, máxime cando actualmente non existe absolutamente ningunha garantía de descentralización académica da titulación actualmente existente", indicou.

Tamén recoñeceu que "unha titulación non se organiza dunha día para outro" así que considera que "para cubrir esa necesidade existente no Sistema Universitario de Galicia é necesario seguir traballando" na proposta da UDC, aínda que "estando dispostos a aprazar a súa presentación só de darse determinadas condicións". A súa é, manifestou, unha proposta "moi coherente, leal, razoable e xenerosa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade