A Xunta pide ás concesionarias reforzar as liñas de bus empregadas por universitarios
A Xunta pide ás concesionarias reforzar as liñas de bus empregadas por universitarios
A demanda incrementouse nalgúns casos ata un 50 %, levando o servizo ata o punto de saturación
Co comezo do curso universitario algunhas liñas de autobús están a notar un incremento de demanda, ata o punto nalgunhas de saturación. O Goberno galego pídelles ás empresas de transporte que reforcen os servizos ante este aumento da demanda.
Así, nalgún caso a demanda do transporte público aumentou ata nun cincuenta por cento nalgúns traxectos. Foi especialmente rechamante o aumento de usuarios no traxecto Ourense-Vigo, onde algúns viaxeiros quedaron sen praza.
"Na estación de Ourense, ás tres da tarde, en lugar de 120 rapaces que o ano pasado usaron o bus os venres de curso, foron 180. Falamos dunhas cifras que evidentemente non caben nun bus", di Ignacio Maestro, director xeral de Mobilidade.
Unha situación que se repetiu na Coruña cun 32 por cento de usuarios máis que o mesmo venres do ano pasado. As situacións de saturación están a afectar as catro provincias galegas.
A Xunta de Galicia pide ás concesionarias prever este pico de demanda co reforzo de máis autobuses para dar servizo a todos os viaxeiros.
O Goberno galego realizará un seguimento do funcionamento do transporte público para garantir o servizo, especialmente ao inicio e ao final da fin de semana.