A Xunta non autoriza a ruta turística do narcotráfico promovida por Laureano Oubiña
Turismo de Galicia considera que a actividade incumpre a lei por non estar organizada por unha axencia de viaxes
Europa Press-Arquivo
A Xunta confirmou este venres que non autorizará a ruta turística en barco que o narcotraficante Laureano Oubiña pretendía organizar o vindeiro 29 de agosto pola ría de Arousa baixo o nome de "Ruta do narcotráficante".
O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, explicou que Turismo de Galicia xa comunicou á empresa que xestiona a marca comercial de Oubiña que non está autorizada para organizar este tipo de actividades, xa que non é unha axencia de viaxes nin unha empresa habilitada para a venda de excursións.
Segundo a Xunta, a proposta incumpre a Lei de Turismo de Galicia, que reserva a organización e comercialización de excursións e viaxes combinadas ás axencias autorizadas.
A iniciativa ofrecía unha travesía en catamarán pola ría de Arousa co propio Laureano Oubiña como guía para relatar episodios relacionados con contrabando e o narcotráfico das décadas dos 80 e 90. O percorrido incluía paradas gastronómicas, venda de merchandising e mesmo un sorteo dunha cea privada co exnarcotraficante.
Nas súas redes sociais, Oubiña asegurou que a celebración de ruta dependía de alcanzar un número mínimo de inscritos e que, en caso de non cubrir os gastos, devolvería o diñeiro ás persoas que xa adquiran a entrada.