Publicador de contidos

Publicador de contidos

A filosofía será optativa en Galicia na secundaria e o temario de historia de España vaise ampliar no bacharelato

A filosofía será optativa en Galicia na secundaria e o temario de historia de España vaise ampliar no bacharelato

O conselleiro de Educación considera que o modelo educativo do Goberno é "facilista e desvaloriza a calidade do ensino"

Román Rodríguez cre que os decretos estatais chegan tarde e non haberá tempo para ter todo listo no inicio do próximo curso

G24.gal 06/04/2022 10:56

Este mércores buscamos aclaracións da Xunta de Galicia aos cambios introducidos polo Goberno no sistema educativo tras a publicación dos decretos sobre os currículos da ESO, e máis recentemente o de bacharelato.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, explicou as modificacións que vai introducir a Xunta. Entre elas a que afecta a materia de historia de España, que se impartirá en segundo de bacharelato a partir de 1812. Coñecemento que, considera o conselleiro, vai moito máis alá da Constitución de Cádiz. 

Neste sentido, Román Rodríguez confirma que o Goberno galego ampliará os currículos estatais, no caso de historia de España, e tamén no de materias como filosofía, que introducirá como optativa en secundaria. "Tan importante como formar os alumnos nas disciplinas STEM é o coñecemento humanista", manifesta o conselleiro.

Aclara que o Goberno terá que explicar a que se deben algúns destes cambios, ao tempo que entende que o Estado está a presentar un "modelo facilista que desvaloriza a calidade do sistema educativo".

Respecto á posibilidade de pasar de curso con dous suspensos ou acadar a titulación cunha materia pendente, considera o conselleiro de Educación que isto "xerará desigualdades entre alumnos e os propios centros", xa que esta decisión vai depender dos equipos docentes, e non se asentará en criterios obxectivos.

"Non nos gustan estes cambios tan fortes. Estanse facendo dentro dun modelo que vai desvalorizar a calidade do ensino fomentando que todo o mundo promocione, algo perigoso para o presente e tamén para o futuro", engade.

Prazos e trámites

Respecto aos tempos para a tramitación dos decretos que agora teñen que desenvolver as comunidades autónomas no marco das súas competencias, explica o conselleiro que a súa publicación chega tarde, e que a educación galega "entra en tempo de desconto para formar ao profesorado e ter preparados os materiais necesarios" de cara ó comezo do próximo curso. 

"Hai uns borradores, pero son distintos ao que o Goberno aprobou. Hai uns tempos de adaptación e tramitación: uns 6 a 7 meses. Imos empezar o curso sen ter os nosos decretos aprobados", afirmou.

Selectividade

Sobre posibles modificacións das probas de acceso á universidade, matiza Román Rodríguez que a Xunta aínda ten que coñecer en detalle a proposta. Confirma que o Goberno galego está en contacto co Ministerio en relación a posibles cambios.

En calquera caso, manifesta que na Xunta si ven necesario modificar o sistema de avaliación da EBAU para xerar as mesmas oportunidades entre os alumnos de todo o Estado

"Na Universidade éntrase como distrito único, e, con todo, temos 17 probas diferentes. Debemos desenvolver un método que permita unha selectividade máis homoxénea".

Nenos ucraínos en escolas galegas

O titular de Educación da Xunta salientou o esforzo de centros e profesores que afrontan este reto, que dixo, está sendo moi positivo. Confirmou que neste momento xa son máis de 200 os nenos ucraínos escolarizados en Galicia e agárdase que cheguen máis nos próximos días. 

Desde o primeiro momento a Xunta puxo en marcha un plan de asistencia básico para a súa escolarización incluíndo transporte, material e servizos de comedor. Agora o Goberno Galego traballa no deseño de guías educativas adaptadas aos cativos, que garantan a mellor integración nas escolas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade