Un total de 214 menores ucraínos están escolarizados en Galicia
A maioría son alumnos de infantil e primaria
En toda España son 7.000 os menores escolarizados
En Galicia hai 214 nenos refuxiados ucraínos que xa están escolarizados. 90 na Coruña, 70 en Pontevedra, 40 en Ourense e 20 en Lugo. En toda España son algo máis de sete mil. A maoría, practicamente o cen por cento, teñen entre 6 e 12 anos e están en educación infantil e primaria. Os responsables de Educación da Xunta contan con que esa cifra vaia aumentando nos próximos días, a medida que as súas familias se vaian asentando para determinar os centros aos que irán os rapaces.
Manuel Vila, secretario técnico da Consellería de Educación: "Demos instrucións para regularizar ese proceso de acollida e dar todos os medios humanos e materiais que se precisen"
Os alumnos acollidos teñen acceso de balde a servizos coma o transporte, o comedor, libros e material escolar. Non falan castelán pero hai ferramentas para que todos poidan entenderse.
"Desde as cincuenta palabras básicas, é dicir, a páxina web ten guías moi básicas de galego-ucraíno e castelán e de expresións en ucraíno-castelán-ruso-inglés" "Os propios centros, cos seus departamentos de idiomas, e tamén buscando alianzas no contorno. Estivemos en contacto, e tamén se poñen en contacto con nós, persoas que están sobre o terreo e que falan ucraíno, ou ben as universidades que tamén nos dan soporte"
Con todo, a comunidade educativa cre que o importante non é a lingua senón que a acollida sexa a mellor posible e que estes menores que fuxiron dunha guerra se integren canto antes e aprendan xuntos co resto dos escolares.