A Xunta e os sindicatos, agás a CIG, asinan novas melloras en Educación
Román Rodríguez salienta a "altura de miras e capacidade de acordo" das catro organizacións asinantes para modernizar o sistema educativo
A central nacionalista afirma que despois de 19 anos a Consellería despacha a actualización dos catálogos de infantil e primaria "sen garantir nin un só posto de traballo máis"
As medidas serán efectivas desde setembro
A Xunta e os sindicatos do ensino CCOO, ANPE, UXT e CSIF asinaron este venres, con ausencia da CIG, un novo paquete de melloras na educación que amplían as acordadas no ano 2023 e que serán efectivas desde o próximo mes de setembro.
O diálogo aberto hai máis de dous anos entre Educación e os citados sindicatos supón o establecemento de medidas en distintos ámbitos como as cocientes, atención á diversidade, condicións de traballo ou educación no rural galego, entre outros.
O titular de Educación do Goberno galego, Román Rodríguez, destacou a colaboración dos sindicatos asinantes e a "altura de miras e capacidade de acordo" das catro organizacións asinantes para modernizar o sistema e adaptalo aos novos retos.
Os portavoces sindicais felicitáronse tamén polo acordo subscrito coa Consellería de Educación, e remarcaron que as cláusulas do pacto alcanzado non implica que os docentes vaian traballar menos horas.
Pola súa banda, CIG-Ensino censura que despois de 19 anos a Consellería "despacha" a actualización dos catálogos de infantil e primaria "sen garantir nin un só posto de traballo máis".
A letra pequena do acordo
O acordo subscrito concreta o reforzo da atención á diversidade e mellora as condicións do traballo do profesorado de ESO, bacharelato, FP e réxime especial.
Fará posible a contratación e consolidación de 400 especialistas en materia de inclusión educativa desde o próximo curso. Profesionais de Pedagoxía Terapéutica, de Audición e Linguaxe e de Orientación que se despregarán nos centros educativos ao amparo do Plan de atención á diversidade aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta.
Román Rodríguez subliña que a atención á diversidade "é unha prioridade de goberno", e, nese sentido, modifícanse os catálogos de infantil e primaria, facendo máis flexibles os criterios para acceder a especialistas de PT (Pedagoxía Terapéutica) e AL (Audición e Linguaxe), o que permitirá afianzar 150 profesionais actualmente por encima de catálogo.
No caso da ESO, contratarase a 200 PT (100 no curso 2026-27 e 100 no 2027-28) e 50 orientadores, que reforzarán os cadros de persoal desde o próximo curso. O paquete de medidas inclúe amplas medidas de formación, actualización normativa, revisión de estruturas e redución de burocracia para avanzar nunha educación plenamente inclusiva.
Todas elas súmanse ás acordadas no ano 2023 coas mesmas organizacións sindicais. Deberán ser ratificadas pola mesa sectorial.