A Xunta dotará con nove millóns as axudas anuais á agricultura ecolóxica
O total das achegas será de 45 millóns repartidos desde este ano ata 2027
A superficie dedicada á produción ecolóxica en Galicia medrou un 50 % nos dous últimos anos
Enriba da mesa, o futuro da agricultura ecolóxica para o próximo período da PAC, que é desde este ano ata 2027. Na reunión coas organizacións profesionais agrarias e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, o conselleiro do Medio Rural anunciou que a Xunta dotará con nove millóns as axudas anuais para fomentar a agricultura ecolóxica ata un total de 45 millóns.
"Nesta convocatoria do ano 2023 garantimos o orzamento durante cinco anos para que se poidan atender todas as peticións de axuda. Isto supón un compromiso de cinco anos e un esforzo orzamentario de 45 millóns de euros. Penso que é unha cifra relevante, importante na súa propia contía", anuncia José González, conselleiro do Medio Rural.
O conselleiro reafirmou que o obxectivo é que ninguén quede sen axudas, o cal tamén comparten as organizacións profesionais, preocupadas porque non se repita o da convocatoria anterior.
"Para nós é moi importante o que está a propoñer a Consellería do Medio Rural dado que vai dar cobertura a practicamente o 100 % das axudas que se soliciten a partir deste ano e ata o 2027", di Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA).
"Nove millóns de euros é unha cantidade moi importante, significaría case triplicar a cantidade actual", afirma Javier Iglesias, de Unións Agrarias.
Nos dous últimos anos, a superficie dedicada en Galicia á produción ecolóxica pasou de 32.000 hectáreas a case 49.000. Medrou máis dun 50 %.