Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta di que o Goberno lle denega o acceso ao expediente de Bruxelas pola AP-9

A Xunta di que o Goberno lle denega o acceso ao expediente de Bruxelas pola AP-9

Consumidores galegos reúnense coa conselleira de Infraestruturas para reclamar ao Executivo central transparencia e o rescate

G24.gal 19/02/2026 18:58

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, informou de que o Goberno central lle trasladou á Xunta a negativa para ter acceso ao expediente aberto de infracción pola Comisión Europea en relación coa xestión da autoestrada AP-9.

Tras manter un encontro coa Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal), celebrada a tarde deste xoves na sede da Xunta en Santiago, a conselleira criticou esta "opacidade", unha decisión do Goberno comunicada ao Executivo galego o pasado mércores.

Censura a "falta de transparencia" e "ninguneo" do Goberno. A preguntas dos medios, a conselleira expuxo que o Executivo central argumenta "falta de interese público", o "cal chama a atención" porque esta infraestrutura "vertebra exclusivamente" a comunidade galega, así como "suposta confidencialidade por tratarse dun expediente da Comisión Europea", o cal "non ten sentido" ao discorrer "integramente" por Galicia.

Neste sentido, a conselleira recrimina esta "patada para adiante", á vez que reclama ao Goberno central unha reunión para que os informe sobre esta cuestión que afecta a unha autoestrada cunha media diaria de 26.000 usuarios.

Cuestionada sobre os pasos para seguir agora, a conselleira indicou que están "a estudar o seguinte paso", aínda que deixa claro: "Non imos quedar calados".

Consumidores piden que sexa de titularidade galega e gratuíta

Pola súa banda, o secretario xeral da Asociación de Consumidores de Galicia, Miguel López, remarcou que esa "unha demanda de todos os usuarios e consumidores de Galicia", a necesidade de que a autoestrada que vertebra a comunidade pase a ser "de titularidade de Galicia" e se camiñe cara á súa "gratuidade".

Remarca que os consumidores "levan moito tempo sufragando o custo dun investimento dunha infraestrutura que está sobradamente amortizada".

Nesta liña, Miguel López afea ao Estado "a negativa para facilitar a información" a esta asociación sobre o expediente sancionador aberto pola Comisión Europea.

"Cando te dirixes a unha Administración a través do propio portal de transparencia e o que se recibe é esa escuridade e unha falta total de resposta e de explicacións, o que supón a necesidade de que a sociedade civil se moblice", opina.

Por tal motivo, Ucgal chama a "ir da man" con "organizacións da sociedade civil de calquera natureza, profesionais, transportistas e usuarios de todo tipo", así como coa Administración Autonómica e "todas aquelas que se queiran sumar a esta proposta", para esixir esta transparencia e o rescate da vía.

Igualmente, a conselleira lembra que o Parlamento galego aprobou por unanimidade a transferencia da AP-9, cuxo debate "foi atrasado en 45 ocasións esta lexislatura" no Congreso.

Insiste en que "sae igual" no gasto bonificar ata o final do período concesional que rescatar, por tanto xa se dirixiron en varias ocasións ao Goberno "solicitando valentía para proceder a ese rescate". "Por suposto, apoiaremos todas as accións que sexan conxuntas tanto por parte por suposto da Unión de Consumidores de Galicia como da Federación Galega de Transportes como da Confederación de Empresarios de Galicia", incidiu.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade