A Xunta destinará 36 millóns a plans de mellora e remuda xeracional nas explotacións gandeiras
A convocatoria está prevista para mediados de xuño
A Consellería do Medio Rural vai convocar novas axudas para a incorporación de mozos a actividades agrogandeiras.
A convocatoria será a mediados de xuño. Avanzouno a conselleira na visita a unha explotación lucense beneficiaria das achegas o ano pasado. En total vanse destinar 36 millóns para seguir, dixo María José Gómez, afondando na remuda xeracional.
Durante a súa visita a esta explotación de vacún de leite, que foi beneficiaria destas axudas na convocatoria de 2024, a titular do departamento explicou que unha das dúas ordes que se publicarán financiará os plans de mellora non aprobados aos mozos que resultaron beneficiarios da convocatoria 2024 de incorporación de mozos, co obxectivo de facilitar o inicio da súa actividade produtiva e favorecer que poidan completar o seu investimento na explotación. En concreto, destinaranse a este fin 5,5 millóns de euros.
Doutra banda, Gómez detallou que a segunda orde de axudas correspóndese coa convocatoria de 2025 destes apoios e contará cun orzamento de 30,5 millóns de euros para apoiar ás persoas agricultoras mozas. Neste sentido, sinalou que serán dúas as liñas que se recollan dentro da convocatoria. Por unha banda, mobilizaranse 16 millóns para o establecemento de agricultores mozos e, por outro, 14,5 millóns para investimentos en modernización e/o mellora de explotacións agrarias.
A conselleira indicou que a través da liña de establecemento de agricultores mozos búscase apoiar ás persoas de entre 18 e 40 anos, ambos os incluídos, que queiran incorporarse á actividade agrogandeira. Para iso, deberán presentar un plan empresarial, permanecer na actividade agraria durante un prazo de cinco anos desde o pago final da axuda e participar no programa de titoría que presta a persoas agricultoras mozas a Consellería do Medio Rural.