Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sarkozy sae do cárcere en liberdade condicionada tras 20 días en prisión: "Fíxose xustiza"

Sarkozy sae do cárcere en liberdade condicionada tras 20 días en prisión: "Fíxose xustiza"

Sarkozy chega a casa este luns logo de ser excarcerado (REUTERS/Yves Herman) Sarkozy chega a casa este luns logo de ser excarcerado (REUTERS/Yves Herman)
G24.gal 10/11/2025 13:53 Última actualización 10/11/2025 14:19

O expresidente francés, Nicolas Sarkozy, afirmou este luns que "se fixo xustiza" coa decisión do Tribunal de Apelación de París de deixalo en liberdade baixo control xudicial, e dixo que o seu "único obxectivo" agora é demostrar a súa "inocencia".

"Fíxose xustiza. Agora vou preparar o xuízo de apelación. Toda a miña enerxía céntrase nun único obxectivo: demostrar a miña inocencia. A verdade triunfará. É algo que a vida nos ensina. O final da historia aínda está por escribir", declarou Sarkozy nunha mensaxe nas súas redes sociais.
 

Sarkozy, condenado a 5 anos de prisión por corrupción, saíu do cárcere parisiense da Santé tras 20 días grazas á decisión pronunciada este luns polo Tribunal de Apelación de París, que decretou un control xudicial que inclúe a prohibición de saír de Francia e contactar co ministro de Xustiza, Gérard Darmanin.

Sarkozy abandonou a prisión tan so unha hora e vinte minutos despois de que o tribunal decretara a medida, e dirixiuse o seu domicilio, onde o agardaba a súa familia.

Sarkozy saíu pola porta principal da prisión da Santé sobre as 15:00 horas no seu coche oficial, coas xanelas pechadas, e unha escolta policial, escena que seguiu 'in situ' medio centenar de medios de comunicación e apenas unha decena de curiosos que gravaban cos seus teléfonos móbiles.

Só unha decena de minutos despois, o ex xefe de Estado (2007-2012) chegaba ao seu domicilio parisiense no distinguido distrito XVI de París, onde tamén había unha forte presenza de medios de comunicación, e onde tampouco fixo declaracións.

Unhas catro horas e media antes do seu regreso a casa, Sarkozy comparecera ante o Tribunal desde o cárcere por videoconferencia e fixo unha alegación final no que falaba das súas condicións de detención, criticadas por algúns partidos de esquerda por ser máis favorables que as dos detidos correntes.

"É duro, é moi duro, certamente éo para todos os presos, mesmo diría que é esgotador", referiu Sarkozy, mentres, a poucos quilómetros de distancia, escoitábano a través dunha pantalla e desde o Tribunal de Apelación de París varios dos seus achegados.

Na pequena e abarrotada sala, estiveron presentes a súa esposa Carla Bruni, dous dos seus catro fillos (Jean e Pierre) e o seu irmán François para seguir a audiencia, que tamén contou cunha enorme expectación mediática e na que os móbiles foron confiscados polas autoridades para evitar captación de imaxes ou de son durante a vista.

"Quero agradecer a humanidade excepcional do persoal penal porque eles converteron este pesadelo do cárcere en algo soportable", abundou o ex xefe de Estado, que ocupou as tres semanas detrás das reixas en escribir sobre esta experiencia e en facer deporte, segundo os seus avogados.

A condena

O que foi xefe de Estado de Francia entre 2007 e 2012 fora condenado o pasado setembro a 5 anos de cárcere por deixar que os seus principais colaboradores negociasen con responsables do réxime de Muamar Gadafi para obter diñeiro para a campaña das eleccións presidenciais de 2007, que gañou.

A "liberdade baixo control xudicial" á que se someterá Sarkozy (70 anos) inclúe, ademais da prohibición de saír de Francia e de entrar en contacto cos outros condenados no caso, "a prohibición de contactar" co actual ministro de Xustiza, Gérald Darmanin, quen o visitou no cárcere e do que é ademais un achegado tras compartir partido político a década pasada.

Os avogados do antigo dirixente presentaran a solicitude de posta en liberdade ao pouco da súa entrada no cárcere argumentando, entre outros puntos, que o seu cliente non representaba un perigo á hora de destruír posibles probas, que non ía deixar o país porque toda a súa familia reside alí e que a prisión supoñía un real perigo para a integridade de Sarkozy.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade