Absolven o alcalde de Agolada por falsidade, pero segue inhabilitado por prevaricación
O TSXG estima parcialmente o recurso presentado por Luis Calvo contra a condena a 3 anos e medio de cárcere imposta por falsidade en documento oficial
O Alto Tribunal galego condénao a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación
Luis Calvo, alcalde de Agolada
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou parcialmente o recurso de apelación interposto polo alcalde de Agolada, Luis Calvo, contra a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que o condenou a 3 anos e medio de cárcere por ordenar o precinto das obras de ampliación da depuradora dunha empresa do sector lácteo.
Absólveo dun delito de falsidade en documento oficial, aínda que mantén a pena por prevaricación.
Na súa resolución, o Alto Tribunal galego estima que non houbo un delito de falsidade documental e expón que a sentenza da Audiencia estableceu que o rexedor falsificara un informe aprobado en Xunta de Goberno, cando este órgano aínda non se constituíra.
O TSXG sinala que esa situación é "irrelevante", posto que o alcalde resolveu a cuestión "no ámbito das súas competencias", é dicir, que o precinto dunhas obras é competencia do rexedor e non da súa Xunta de Goberno.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia si ve acreditada a comisión dun delito de prevaricación, porque a decisión do alcalde adoptouse sen ningún tipo de procedemento administrativo.
Comparte os argumentos da Audiencia de Pontevedra de que ese modo de actuar supuxo un "claro abuso de poder".
Por todo iso, o TSXG acordou absolver a Luis Calvo do delito de falsidade documental (o que levaba aparellada a pena de prisión), e condénao a 9 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público como autor dun delito de prevaricación.
Ademais, terá que indemnizar a empresa de lácteos en case 24.800 euros polas perdas ocasionadas.
A sentenza do Tribunal Superior non é firme e contra ela pode interpoñerse recurso de casación ante o Tribunal Supremo.