A Xunta impulsa rehabilitar vivendas e converter locais en fogares en pequenos concellos
O Consello da Xunta tamén aprobou inxectar 11,4 millóns máis no bono para alugueiro dirixido a menores de 36 anos
A Xunta aproba o convenio para limpar franxas secundarias, pese ao rexeitamento da Fegamp
A Xunta amplía ata o 2067 a concesión de Jealsa no porto de Bodión, en Boiro
O Consello da Xunta aprobou este martes investir 5 millóns de euros ata 2027 nun novo plan destinado a impulsar a rehabilitación de vivendas e converter locais comerciais espazos de uso residencial en concellos de menos de 5.000 habitantes.
Estas axudas poden chegar ata os 30.000 euros e o 75 % do orzamento da obra, e están dirixidas a facer reformas ou rematar vivendas sen acabar, coa obriga de que se destine a ser vivenda habitual ou ao alugueiro durante polo menos cinco anos cun prezo taxado.
Dentro das actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética, así como actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radon ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes e que acrediten ingresos non superiores a 6,5 veces o Iprem.
No caso de que as vivendas se vaian destinar ao alugueiro non será de aplicación o límite de ingresos.
Ademais na reunión do Executivo galego tamén se acordou inxectar outros 11,4 millóns de euros ao Bono Algueiro, de 250 euros mensuais, dirixido aos menores de 36 anos.
O presidente da Xunta destacou que deste xeito neste ano vanse destinar máis de 24 millóns, tras a transferencia de fondos do Estado, e que permitirá conceder esta axuda a unhas 2.000 persoas máis que quedaron fóra na primeira convocatoria.
Para optar a estas axudas, os solicitantes non poden ter ingresos que superen tres veces o Iprem, 25.200 euros.
O Consello da Xunta, tamén en materia residencial, acordou convocar un concurso de ideas para construír cinco edificios de vivendas públicas no concello de Ames, e autorizou a licitación do proxecto para construír 17 vivendas públicas no concello de Culleredo.