Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta creará unha empresa mixta para participar en proxectos de renovables

A Xunta creará unha empresa mixta para participar en proxectos de renovables

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que se pode "acabar coa disxuntiva" de que na implantación deste tipo de enerxías "ten que haber vencedores e vencidos"

G24.gal 21/03/2023 13:34 Última actualización 21/03/2023 18:25

A Xunta vai crear unha empresa público-privada, participada polo Goberno galego, que impulsará proxectos de enerxía renovable co obxectivo de que parte dos seus beneficios se reinvistan nas comarcas onde se instalen. Anunciouno este martes o presidente do executivo autonómico, Alfonso Rueda, que avanzou que esa sociedade servirá tamén para guiar as accións doutras empresas alleas a ela. 

A sociedade galega e a Xunta, defende o presidente, están preparadas para dar un paso máis na transición enerxética e garantir que queden en Galicia parte dos beneficios dos proxectos de enerxía renovable, e non só dos parques eólicos, que se instalen no país. Para iso van crear unha empresa público-privada, participada pola Xunta, e á que Alfonso Rueda espera que se sumen outras administracións.

O presidente di que é unha iniciativa pioneira en España, que leva ao sector das renovables unha figura, chamada utility, que xa se usa noutros sectores e países.

"O que buscaría é promover novos proxectos en enerxías renovables cunha clara intencionalidade, que é que parte dos beneficios que se xeren teñan un impacto directo en toda Galicia e nos lugares onde se instalen. E acabar con esa disxuntiva de que na instalación de renovables ten que haber vencedores ou vencidos".

Rueda anunciou no Parque Eólico Experimental de Sotavento, no concello lugués de Xermade, que o Consello da Xunta vai iniciar este xoves a tramitación da lei que vai facilitar a creación desta empresa mixta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade