O Parlamento de Asturias rexeita a cota catalá
A Xunta calcula que Galicia perdería 600 euros ao ano
O Parlamento de Asturias rexeita a cota catalá que pactou o Goberno cos independentistas a cambio do seu apoio á investidura de Pedro Sánchez.
A proposición non de lei contou co apoio do PSOE de Adrián Barbón, que goberna a comunidade, do PP, da coalición que integran IU e Más País, de Foro Asturias e da exrepresentante de Podemos. Con este paso, o presidente Barbón desmárcase da posición que defende a Moncloa sobre un financiamento singular para Cataluña.
A Xunta calcula que Galicia perdería 600 euros ao ano
Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu rexeitar este luns o acordo para un financiamento singular en Cataluña e advertiu de que, segundo un informe do seu Goberno, Galicia perdería 600 millóns de euros ao ano se se aplicase un sistema de “cota” similar á vasca.
Na reunión semanal do Consello da Xunta, analizouse un informe que conclúe que a saída de Cataluña do réxime común suporía para Galicia deixar de ingresar “o equivalente ao custo de dous anos de atención á dependencia ou ao orzamento anual da Consellería de Medio Ambiente e Economía xuntas”.
O documento tamén sinala que se este modelo se estendese ao resto de comunidades, a perda para Galicia podería chegar a 2.100 millóns, unha cifra que equivalería “a todo o gasto de ensino público non universitario durante un curso ou ás receitas sanitarias durante dous anos”.
Rueda recoñeceu que o seu Goberno aínda está á espera de coñecer o contido do acordo bilateral entre o Estado e Cataluña para avaliar as medidas a adoptar, pero advertiu que estas negociacións “cambian as regras do xogo” e poñen “en perigo a prestación de servizos básicos en Galicia”.
O presidente da Xunta reiterou a súa intención de “alzar a voz” e defender que a reforma do sistema de financiamento autonómico debe facerse de maneira multilateral, para resolver os infrafinanciamentos pero “sen sistemas singulares”. Segundo dixo, “se a negociación non se fai entre todos, ao final haberá cidadáns de primeira e cidadáns de segunda”.
Rueda valorou a “postura valente” de presidentes socialistas como o de Asturias, Adrián Barbón, e o de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, que tamén criticaron esta proposta. Pola contra, lamentou que o PSdeG apoie as decisións de Pedro Sánchez aínda que prexudiquen Galicia: “É incomprensible”, afirmou, e acusou os socialistas galegos de actuar “máis como sanchistas que como galegos”.