Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta aproba medidas para simplificar o traballo burocrático de sanitarios e docentes e mellorar a atención

A Xunta aproba medidas para simplificar o traballo burocrático de sanitarios e docentes e mellorar a atención

Destinará 1,3 millóns de euros a un novo servizo que axudará a simplificar o traballo burocrático dos sanitarios, ao que poden dedicar unha hora ou máis cada día, grazas á intelixencia artificial

O proceso de chamamento de profesores substitutos cambiará e será mediante unha aplicación
 

G24.gal 21/07/2025 11:58

O Consello da Xunta acordou na xuntanza deste luns destinar 1,3 M€ a un novo servizo que axudará a simplificar o traballo burocrático dos sanitarios, ao que poden dedicar unha hora ou máis cada día, grazas á intelixencia artificial.

 

Avances tamén na simplificación burocrática no eido da educación. O goberno galego deulle o visto e prace a un plan para reducir a burocracia nos centros educativos que permitirá eliminar ata 600 pasos administrativos e aforrar máis de 120.000 horas por curso.

Unha aplicación para as sustitucións

Unha das novidades será o cambio no modelo de chamamento para os profesores da educación pública, de forma que os docentes non terán que esperar unha chamada para acceder ao seu posto en substitución e realizarase mediante unha aplicación.

Segundo explicaron Alfonso Rueda e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, grazas a este cambio os profesores interinos non terían que estar constantemente pendentes dos seus teléfonos á espera da chamada da Administración para cubrir unha vacante.

O proceso realizarase en base a unha listaxe “transparente e publica” de forma que mediante unha aplicación informática na que os docentes saberán “en calquera momento” en que posto están en relación ás necesidades da Xunta.

Deste xeito, Rodríguez confía en que se poñerá fin ás “críticas” do profesorado que tiña reticencias ao actual modelo xa que podían perder o seu posto se tiñan o teléfono apagado ou fóra de cobertura.

O Consello avaliou ademais un informe sobre os cambios propostos pola Comisión Europea nos fondos de cohesión, agrícolas e pesqueiros para o período 2028-2032. Un informe elaborado pola Fundación Galicia Europa alerta de que  a proposta da Comisión Europea terá un impacto negativo en sectores estratéxicos coma o agro, a pesca ou a industria agroalimentaria.

Unha fronte común

Só o recorte do 20 % na PAC suporía que Galicia deixase de ingresar 80 M€ ao ano (480 M€ en todo o período). A Comisión aposta por eliminar o fondo dirixido especificamente ao desenvolvemento rural (fondo Feader), e a Xunta rexeita que o  sector pesqueiro non conte cun fondo propio e ben dotado. Ante esta situación, o Goberno galego ten previsto convocar os axentes do sector primario para facer unha fronte común.

Axudas sociais para 93.000 fogares

Entre os acordos deste luns figuran tamén destinar 22,2 millóns de euros ao pagamento do Bono Social Térmico e á axuda complementaria da Xunta ao Bono Social Eléctrico, dos que se beneficiarán case 93.000 fogares.

Ademais, aprobouse unha partida de oito millóns de euros para que os concellos leven a cabo programas de apoio a persoas en risco de exclusión social.

No apartado de infraestruturas, o Consello deu luz verde á licitación das obras para a conversión en autovía do primeiro treito da vía de altas prestacións entre Brión e Noia, por un importe de 11,2 millóns de euros.

Ademais, acordou destinar 34 millóns de euros para dotar de novos equipamentos o Centro de Supercomputación de Galicia.

Os integrantes do Goberno galego analizaron ademais durante a súa xuntanza semanal o informe sobre o impacto da cota catalá en Galicia. Como xa adiantara en días pasados o presidente Rueda, Galicia deixaría de ingresar, como mínimo, 634 M€ ao ano.

A Xunta considera que o prexuízo económico para Galicia do acordo bilateral con Cataluña sería equivalente ao custo de dous anos de prestacións á dependencia ou cinco anos de transporte escolar. Se este sistema se estendese ao resto de comunidades autónomas, Galicia deixaría de percibir 2.128 M€. 

Rueda, anunciou tamén que o seu Goberno deu luz verde á declaración do Museo Carlos Maside (Sada), que xestiona a fundación Sargadelos, como Ben de Interese Cultural (BIC).

A Xunta dá este paso na mesma xornada na que colectivos culturais e pola memoria reuníronse para pedir á Xunta que dese este paso ante o risco de que o expediente da declaración caducase sen que se aprobase a protección.

Na actualidade, o museo acolle obras de Maruja Mallo, Luís Seoane, Laxeiro ou Urbano Lugrís.

A Xunta iniciara os trámites para a declaración BIC hai dous anos, pero a solicitude estaba paralizada polo que os colectivos impulsores da iniciativa temían que a proposta caducase.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos