Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía pide a retirada do pasaporte de Pardo de Vera e do exdirector de Estradas

A Fiscalía pide a retirada do pasaporte de Pardo de Vera e do exdirector de Estradas

Ambos os dous declararon este luns por favorecer presuntamente adxudicacións de obra pública a cambio de mordidas

A expresidenta de ADIF deslígase dos amaños e di que a utilizaron no caso da contratación da exparella de Ábalos

Javier Herrero tamén se desvincula das supostas irregularidades na adxudicación de obras

Pardo de Vera, á súa chegada á Audiencia. EFE / Mariscal
G24.gal 21/07/2025 14:01 Última actualización 21/07/2025 15:44

A Fiscalía solicitoulle ao xuíz do caso Koldo, Ismael Moreno, que lle retire o pasaporte á expresidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, e ao exdirector xeral de Estradas, Javier Herrero, que declararon este luns por favorecer presuntamente adxudicacións de obra pública a cambio de mordidas.

Anticorrupción reclamoulle ao maxistrado da Audiencia Nacional que lles impoña como medidas cautelares a retirada do pasaporte e comparecencias quincenais, unha solicitude á que se adheriron as acusacións populares que dirixe o PP, segundo informan fontes xurídicas.

O xuíz investiga se Pardo de Vera e Herrero lle prestaron asistencia ao exministro de Transportes José Luis Ábalos a través do seu asesor daquela, Koldo García, para que as adxudicacións proxectadas por eles puidesen chegar a bo termo.

O maxistrado sospeita tamén do interese do exdirixente socialista Santos Cerdán e de Koldo García en ascender á Secretaría de Estado de Transportes a Pardo de Vera.

Segundo o investigado, a expresidenta de ADIF favorecería de xeito recorrente as construtoras Acciona, Levantina Ingeniería y Construción (LIC) e OPR. O ascenso produciuse, pero non se materializou ata que Ábalos saíu do Ministerio de Transportes no 2021.

Pardo de Vera xa fora imputada previamente por este mesmo maxistrado por tráfico de influencias e malversación en relación coa contratación en dúas empresas públicas (Ineco e Tragsatec) de Jéssica Rodríguez, exparella do exministro José Luis Ábalos.

Declaración de Pardo de Vera

Na súa declaración, a ex presidenta de Adif desvinculouse dos presuntos amaños de obra pública e no caso da suposta contratación irregular da exparella de Ábalos, asegurou que "a utilizaron". Pardo de Vera contestou á súa defensa e ao fiscal anticorrupción.

Segundo fontes xurídicas consultadas por Europa Press, asegurou que cando foi consciente da relación da moza co entón ministro, falou co cargo socialista porque consideraba que a situación non era ética.

Unha parte do interrogatorio centrouse na presunta cobranza de comisións a cambio da adxudicación de obra pública. A este respecto, a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil reflicte mensaxes de WhatsApp con Koldo García nos que lle insiste en adxudicar unha obra á construtora LIC, aínda que ela se amosa reticente.

Interrogada sobre as súas conversas con Koldo, Pardo de Vera enmarcou na normalidade administrativa que os asesores dos ministros pregunten por adxudicacións, ao que engadiu que ela non tiña competencias para adxudicar as obras.

Neste sentido, segundo as citadas fontes, expuxo que as ofertas económicas non se coñecen ata que os técnicos fan as súas valoracións.

Presunta contratación irregular

Outra parte da súa declaración centrouse na presunta contratación "irregular" de Jéssica Rodríguez, primeiro en Ineco, como adscrita á presidencia de Adif, e despois de Tragsatec, pola suposta influencia de Ábalos e as xestións de Koldo.

Pardo de Vera explicou que o currículo da moza lle chegou a través de Koldo e que ela derivoullo a Ineco por se houbese algunha vacante, no que enmarcou tamén nun procedemento normal para facer chegar os CV e que, dixo, contempla a normativa da empresa pública.

Para ela, a contratación de Rodríguez foi un tema residual. De feito sostivo que non sabía quen era, e que tampouco lle deron máis explicacións ao respecto. Con todo, recoñeceu que non era habitual que se insistise tanto nunha contratación.

Ao fío, contou que a utilizaron como correa de transmisión en todo o proceso de contratación, ata para un cambio de hora. A partir dese momento aseverou que se desentendeu, malia que lle pediron que estivese ao tanto.

Interese electoral nas obras

Na mesma liña, Javier Herrero desvinculouse de calquera irregularidade na adxudicación de obra pública. Fontes xurídicas sinalan que, segundo declarou, Koldo sempre lle preguntaba unha vez concluídos os procesos de adxudicación e el respondíalle con información que era pública.

O ex director xeral de Estradas indicou que Koldo lle preguntaba a pedimento de Ábalos para rendibilizar as obras politicamente porque entón estaban en plena campaña de eleccións municipais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade