A Xunta aprobará en decembro a compra de baixos en desuso en Ourense para trasformalos en vivenda protexida
A Xunta aprobará en decembro a compra de baixos en desuso en Ourense para trasformalos en vivenda protexida
Investirá dous millóns de euros neste proxecto, que estará xa operativo en xaneiro de 2026
Martínez Allegue critica o plan do Goberno para traspasar 40.000 vivendas da Sareb ao Sepes para poñelas en alugueiro: "Non serán vivendas protexidas"
A Xunta desenvolverá en Ourense de xeito piloto o programa de adquisición de locais en desuso para transformalos en vivendas de calidade destinadas ao alugueiro. O Goberno galego escolleu a cidade das debido á "escaseza de solo" que existe na cidade.
Nunha entrevista no Bos días, a conselleira de Vivenda, María Martínez-Allegue, avanzou que en decembro aprobarase a oferta pública de adquisición para que estea operativa en xaneiro de 2026. Investirá dous millóns de euros durante o próximo exercicio. "Entendemos que unha cidade tan importante como Ourense precisa vivenda de promoción pública".
"2026 será o ano definitivo para a construción de vivenda"
A conversión de baixos en desuso é unha das medidas que a Xunta porá en marcha para facilitar o acceso dos galegos e galegas a unha vivenda. A intención do Goberno galego é duplicar o parque residencial público e poñer en marcha, antes de que remate 2026, catro mil vivendas de protección e chegar ás oito mil ao remate da lexislatura.
Segundo María Martínez-Allegue, os traballos "avanzan a moi bo ritmo". Afirma que en ano e medio "temos xa 3.000 vivendas públicas novas en marcha". No caso de espazos que leven décadas en desuso -explica-, poderán facerse "sen necesidade de modificar o planeamento". A conselleira apunta: "2026 será o ano definitivo para a construción de vivenda".
Ademais, a titular de Vivenda afirma que o ano que vén "triplicaremos as axudas para que corporativistas e promotores constrúan vivenda protexida". Hai tamén incentivos para poñer a vivenda baleira en alugueiro.
Martínez-Allegue afirma: "Sen solo non hai vivenda. Temos que ir todos da man, estar todos no mesmo barco: Xunta, concellos, o Estado e o sector".
"Estamos moi decepcionados; non é máis que unha privatización"
Martínez Allegue critica o plan do Goberno para traspasar 40.000 vivendas da Sareb á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (o Sepes) para poñelas en alugueiro: "Non serán vivendas protexidas, supón a privatización dunhas vivendas a través dun portal inmobiliario para lucrarse e non dar un beneficio social".
Segundo explica, "estamos sorprendidos con esta medida; se o Estado as cedese á Xunta, o Goberno galego, "cualificaríaas como protexidas con carácter permanente e destinadas ao alugueiro ou venda".