A Xunta aproba unha axuda para mellorar a eficiencia enerxética de Alcoa
A subvención irá destinada á substitución do consumo de fuel por gas natural
Os traballadores din que permanecen atentos a que Alcoa cumpra cos compromisos de investimentos para reactivar a factoría en 2024
A Xunta de Galicia achega á planta de Alcoa preto dun millón de euros para mellorar a eficiencia enerxética.
Os cartos destinaranse ao plan para conectar a fábrica ao gas e permitirá reducir un 3 % o consumo actual de fuel. Desde a Xunta lamentan que o Goberno Central siga sen ofrecer un marco enerxético estable que garantir un prezo eléctrico competitivo para este tipo de industrias.
Os traballadores danlle a benvida a esta achega pública pero din que seguen vixiantes para que Alcoa cumpra o acordado, cun programa de investimentos duns 103 millóns de euros, e reactive a planta en xaneiro de 2024.
A axuda que este venres aprobou a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, é dun total de 985.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da planta en San Cibrao.
Segundo a información facilitada pola administración galega a empresa investirá 3,4 millóns de euros na fundición e conformado de ánodos de San Cibrao, para substituír o consumo de “fuel por gas natural”, co obxectivo final de alcanzar esa redución de case un 3 % o consumo inicial, o que suporía un aforro de 4 millóns de Kw/h ao ano.
O proxecto, comprometido pola empresa dentro do plan de investimentos acordado cos traballadores da factoría, contempla a conexión do gasoduto coa planta, así como a instalación dunha estación de regulación e doutros elementos necesarios para controlar o consumo tanto dos equipos de combustión como dos fornos de elaboración.