A Xunta anuncia reforzo extraescolar para facilitar o paso de primaria á ESO
O plan inclúe medidas de reforzo da lectura e as matemáticas e de apoio ao alumnado estranxeiro, entre outras
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou a posta en marcha este curso dun novo programa de reforzo extraescolar dirixido ao alumnado de sexto de primaria que máis apoio necesite, co obxectivo de consolidar as aprendizaxes básicas e facilitar a súa transición á educación secundaria obrigatoria (ESO).
Rodríguez avanzou esta medida durante a súa intervención no encontro O ensino galego ante o impacto da LOMLOE (2021-2026), celebrado en Santiago para analizar os efectos da lei estatal cinco anos despois da súa entrada en vigor.
O novo programa súmase ás iniciativas desenvolvidas pola Xunta dentro do Plan MEGA de mellora educativa, dotado con 77 millóns de euros para catro anos e que establece medidas de reforzo da lectura e as matemáticas e de apoio ao alumnado estranxeiro, entre outras.
O conselleiro reivindicou a aposta do Goberno galego pola "mellora continua" e defendeu unha política educativa centrada no alumnado, no reforzo das aprendizaxes básicas e no apoio a quen máis o necesitan.
"O noso compromiso sempre vai estar cun ensino que recoñeza o esforzo, que garanta coñecementos, que apoie a quen máis o necesita e que respecte e reforce o profesorado", sinalou.
No encontro, Rodríguez tamén criticou os efectos que, ao seu xuízo, tivo a LOMLOE sobre a calidade do ensino, a cultura do esforzo e a igualdade de oportunidades.
Lembrou que a Xunta xa advertiu dunha implantación "precipitada e confusa" da norma, que, segundo sinalou, chegou acompañada de atrasos nos currículos, cambios durante a súa aplicación, un aumento da carga burocrática do profesorado e sen dotación económica específica.
O conselleiro considera que a lei presenta "importantes debilidades" tanto na súa concepción coma na súa aplicación, entre elas a perda de centralidade dos coñecementos e da cultura do esforzo.
Tamén criticou que non se abordase ata o de agora a mellora da carreira profesional docente.
Fronte a estas dificultades, defendeu as medidas adoptadas por Galicia nos últimos cinco anos, entre elas a redución de cocientes e a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais a efectos dos cocientes desde o curso 2024-25.
Así mesmo, destacou a futura lei de educación dixital de Galicia, coa que a Xunta pretende abordar aspectos como o benestar dixital, a privacidade, a protección de datos e a accesibilidade.
Rodríguez avanzou ademais que a Consellería está a ultimar a posta en marcha dunha Oficina de Atención ao Docente para ofrecer protección, asesoramento e acompañamento ao profesorado.
A xornada contou cunha conferencia de Francisco López Rupérez, director da cátedra de Políticas Educativas da Universidade Camilo José Cela, e unha mesa redonda sobre a aplicación da LOMLOE nos centros educativos.