A Xunta acusa a xustiza de contradicirse co sector eólico e pide rigor
A conselleira de Medio Ambiente dixo que "en quince días houbo dous autos nunha sentenza e todos contraditorios entre si"
A conselleira de Economía reiterou a petición ao Goberno da retirada do recurso de inconstitucionalidade sobre o plan galego de repotenciación eólica
A conselleira de Medio Ambiente asegurou este mércores que as decisións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o sector eólico son contraditorias entre si e pediu "rigor".
En declaracións aos medios en Tordoia, Ánxeles Vázquez, dixo que ela non comprende as decisións adoptadas pola sección terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa que, ao seu entender, o seu proceder nesta materia "é insólito e inédito" e, para ela, "inexplicable".
"Terán que explicarlles directamente eles aos cidadáns porque eu non son capaz de explicarllo", esgrimiu Vázquez, que apuntou que "en quince días houbo dous autos nunha sentenza e todos contraditorios entre si".
A conselleira insistiu en que "os autos están aí para comprobarse" e para evidenciar que "isto é unha sen razón" ante o que "hai que tomar medidas dalgún modo" porque as sentenzas son contraditorias e con cuestións rechamantes como o feito de que nunha delas "un xuíz que ten un voto particular que na sentenza desaparece e que volve aparecer despois cando hai outro auto".
"Os mesmos xuíces que o día 14 de outubro dixeron unha cousa, o día 4 de novembro dixeron a contraria", sostivo Vázquez que ademais tacha de "barbaridade desde o punto de vista ambiental" que a xustiza aposte por avaliar os tendidos eléctricos "de modo separado de maneira que cada parque eólico ten que ter un tendido eléctrico".
Ao seu entender, "isto non dá seguridade xurídica" a pesar de que insistiu en que a Xunta segue as tramitacións con rigor: "Ninguén pode dicir que non cumprimos a lei", concluíu.
A conselleira de Economía e Industria pediu ao Goberno central que a regulación de repotenciación eólica sexa "sensata" e "parecida" á que prevé Galicia, agora suspendida tras un recurso de inconstitucionalidade interposto polo Executivo de Pedro Sánchez. Lorenzana reiterou a petición da Xunta de retirada dese recurso sobre o plan galego de repotenciación eólica.
"Cremos que é incoherente e que, ademais, non beneficia para nada a nosa comunidade", afeou.
Este recurso responde a unha decisión tomada polo Consello de Ministros en setembro contra o precepto da lei de acompañamento aos orzamentos galegos que regula este aspecto. A conselleira lembrou que o Tribunal conta con cinco meses para decidir se levantan a suspensión.
Lorenzana tachou o Goberno central de "irresponsable" por "recoñecer de maneira tácita que a repotenciación ten que estar no panorama nacional" e, ao mesmo tempo, presentar un recurso "contra a comunidade que foi pioneira nesta regulación".
O plan galego prevía retirar 2.000 muíños de 98 parques con máis de 25 anos e reducilos, así, ata 700 muíños. Trataríase dunha redución dun 80 % que permitiría aumentar a produción ata un 35 %, en base á planificación autonómica.