A xuíza deixa en liberdade o acusado de matar a nai en Vilagarcía
Cumpriuse o tempo máximo de detención sen que o home estea en condicións de declarar
A policía deberá asegurar o seu paso a disposición xudicial cando a súa saúde o permita
Un mozo mata supostamente a súa nai en Vilagarcía de Arousa e precipítase desde un terceiro piso

A titular do xulgado número dous de Vilagarcía acorda a posta en liberdade do home acusado de matar a nai.
A medida tómase despois de pasar o tempo máximo de detención sen que o arrestado estea en condicións de declarar.
A xuíza insta o centro médico para que comunique calquera cambio na súa situación e encarga á policía que asegure o paso a disposición xudicial do acusado en canto estea en condicións de poder declarar.
O mozo, de 22 anos, investigado como presunto autor da morte violenta da súa nai, unha muller de 61 anos, segue hospitalizado en estado moi grave.
O home precipitouse desde o balcón do domicilio familiar, situado na terceira planta dun edificio da céntrica rúa Duque de Rivas de Vilagarcía, onde ocorreron os feitos.
Presenta un cadro clínico de politraumatismos, fracturas diversas e shock hemorráxico, segundo informaron fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Tras recibir as primeiras asistencias clínicas e médicas no servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, en Vilagarcía, foi trasladado en ambulancia á área sanitaria de Vigo.
Alí permanece ingresado, con prognóstico moi grave, na unidade de coidados intensivos do Hospital Álvaro Cunqueiro.
Mentres tanto continúa a investigación policial sobre este presunto matricidio, que tivo lugar o pasado venres sobre as seis e media da tarde.
A vítima foi atopada morta, boca abaixo e entre "abundante sangue", segundo explicou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada.
Aínda que as pescudas realizadas están por agora nunha "fase inicial", os investigadores descartan "con toda a prudencia" que no crime participasen terceiras persoas.