Os españois piden sol polo Nadal: as Canarias e o Caribe son as viaxes máis demandadas en inverno
Os lugares cálidos son os máis solicitados para coller vacacións nesta época do ano
Os que teñen menos tempo e menos cartos optan polo centro de Europa
Laponia, aínda que é un destino caro, recibe moitos visitantes dende España
Frío ou calor? O Nadal é unha das épocas máis viaxeiras do ano pero o destino e o tipo de viaxe dependen moito das circunstancias. Os que teñen máis tempo e máis cartos buscan calor. Os lugares con sol asegurado son uns dos obxectivos máis demandados para estas semanas. As axencias galegas despachan viaxes ás Canarias, o Caribe ou incluso máis lonxe.
"Sobre todo, Riviera Maia; Marrocos tamén nos pediron moito e vendimos tamén a Bali. A xente quere calor, sobre todo busca calor. As Canarias tamén, pero, como está un pouco caro, ao final desvíanse cara ao Caribe", conta Iria Rodríguez, da axencia de Halcón Viajes na avenida de García Barbón de Vigo.
Pedimos un exemplo real, para quen puidese marchar xa: unha semana no Caribe, dúas persoas, hotel de cinco estrelas, con voos dende Vigo, sairía por 4.150 euros. Moitos quererían un agasallo así para o Nadal...
"A min gustaríame ir a algún sitio de praia, con calor", imaxina un mozo paraugas en man. "A calquera parte de América do Sur, onde vaia calor, México, Colombia, O Brasil...", engade outro home. "En Nadal, seguramente a Roma", revela o entrevistado. "A min encantaríame ir a Finlandia", completa unha muller.
Finlandia, Laponia en especial, é outro dos destinos favoritos para os españois que viaxan en Nadal. É un plan familiar deseñado para o lecer na natureza e cada ano hai voos directos tamén dende Galicia.
"É caro, pero véndese moitísimo, e nestas datas está cheo de españois. En España, Laponia é un destino que triunfa moitísimo", confirma Abilio Álvarez, o director do grupo galego Bivestour Viajes.
"A chave é facelo con tempo. Se reservas con tempo, sacas mellor prezo; se o fas moi enriba da data, é máis complicado", aconsella Ana Loureiro, da oficina de Bivestour na praza de Compostela de Vigo.
De feito, xa hai quen no Nadal se regala viaxes para 2026. Hoxe mesmo atopamos completas visitas organizadas para a vindeira primavera dende Galicia a Londres, Atenas ou Roma. E estes días tamén se venden xa viaxes para o verán, moitas cos voos internacionais que ofrece o aeroporto do Porto.