A xente máis nova non renuncia a verse guapa na Noitevella
Os salóns de peiteados manteñen, por agora, as súas axendas para a Noitevella
Malia a incerteza, a xente quere prepararse aínda que sexa para celebrar o fin de ano na casa
Nas tendas de roupa estanse a vender estes días moitas prendas de festa
Moitos apuran estes días os preparativos para despedir este 2021 co mellor aspecto posible. Porque a pesar das incertezas, hai quen non se resiste a estrear vestido co ano novo nin a lucir peiteado ou maquillaxe. Nos salóns de peiteado, de momento, seguen coas axendas cheas.
Porque, haxa festa ou non, moita xente -sobre todo a máis nova- mantén a ilusión e a tradición de despedir o ano cun peiteado, un corte de cabelo novo ou estreando algunha peza de roupa de festa, aínda que sexa para celebralo na casa.
Comezan os preparativos para a Noitevella. Pero cando faltan só catro días para que remate este 2021 moitos plans aínda están no aire.
"Non sei aínda o que farei porque a situación está indecisa, pero igualmente hai que poñerse guapas para recibir o ano", di unha clienta nun salón de peiteado en Ourense.
Por iso, por agora mantéñense as reservas nos salóns de peiteado.
"Quérense amañar, queren estar guapas esa noite aínda que só sexa para cear en familia ou estar na casa", asegura María José Rocholl Fernández, do Salón de peiteado Rocholl e presidenta dos peiteadores de Ourense.
Un corte de cabelo novo, un cambio de cor ou unhas unllas cun chisco de fantasía.
"Hai que animarse a poñerse guapos porque aínda que non se poida saír ou facer algo diferente, hai que empezar o ano con bo pé e que mellor que poñéndose guapos", afirma unha clienta nun salón de estética.
E tamén nas tendas estanse a vender estes días vestidos e roupa de festa.
"Sorprendentemente, tal e como está a situación, realmente a xente si que se está animando. A xente para cear mesmo na súa casa quere verse guapa e temos a necesidade de vernos así e de vernos de festa", asegura a dona de Angélica Moda, en Ourense.
E, malia todo, recibir o 2022 cun sorriso, aínda que sexa debaixo da máscara.
