A 'xardiña' de San Xoán de Jorge Gago, gañadora do desafío de cociñeiros con maridaxe de cervexa
O Desafío XChef abre en Santiago a súa terceira edición para elixir o mellor prato maridado con cervexa
Rodaballo, sardiña, xurela e xarda foron protagonistas das propostas presentadas en Santiago, xunto con produtos de horta de temporada
Unha xardiña, con X, de San Xoán. Este xogo de palabras, e moito máis, foi o que cativou o xurado deste desafío de cociñeiros en que a proposta do restaurante compostelán A Maceta conseguiu alzarse co primeiro premio.
O cociñeiro gañador, Jorge Gago, explica que "como a xarda está en temporada, e pensei que xa ía haber sardiña por estas datas, quixen ir un pouquiño de listo e ir máis á xarda que á sardiña".
Unha picardía, consistente nunha xarda curada, cunha salsa de soia, algas e pan frito que simula o pan da sardiña de San Xoán, foi a gañadora. Os catro finalistas maridaron o seu prato con cervexa. O xurado, composto por cociñeiros consagrados, valoraba esa maridaxe e a sostibilidade da cociña.
Un dos seus membros, Pepe Vieira, afondaba nesta idea. "Por suposto o sabor, o formato, un pouco todo, pero eses valores de sostibilidade son moi importantes". Uns valores que tamén destacaba Carlos Ávila, técnico de Cultura da cervexeira Hijos de Rivera: "Unha cociña respectuosa co ambiente, aproveitando os produtos galegos de calidade que temos aquí, e tamén a maridaxe, onde poñemos en relacións as nosas cervexas coa gastronomía".
Ademais da xarda de Gago, competiron David Morillas, de La Morena en Santiago, que quedou en segundo lugar, Summa Breogán, do tamén compostelán O Sendeiro, e José Manuel Mallón, de Casa Barqueiro en Negreira, estes dous empatados no terceiro posto. Os cociñeiros presentaron pratos a base de xurela, sardiña e mesmo rodaballo de acuicultura.
Produtos de quilómetro cero chegados da lonxa de Muros, da praza de abastos de Santiago e mesmo das hortas propias dos restaurantes. O gañador competirá na final desta terceira edición con cociñeiros doutras localidades.