A plataforma Bolt chega á Coruña: "Está normalizado que onde operamos combinemos taxi con VTC"
Bolt ten operativos en Galicia dez coches con condutor e anuncia que irá aumentado vehículos conforme aumente a demanda
No sector do taxi aseguran que van estar vixilantes para que as plataformas VTC cumpran a normativa autonómica
A Uber a Cabify saíulles un competidor na área metropolitana da Coruña. A multinacional de VTC Bolt, presente en 600 cidades de 50 países, opera agora na Coruña. No sector do taxi aseguran que van estar vixilantes para que cumpran a normativa autonómica.
Todos os vehículos de Bolt son 100 % eléctricos. Prometen mobilidade verde e axilidade na prestación do servizo. Queren que desde a súa aplicación, ademais de servizos de VTC, se poida avisar os taxis locais.
"Está moi normalizado en practicamente todas as 600 cidades onde operamos en todo o mundo que combinemos taxi con VTC. Ao final nós somos unha plataforma que intermedia entre usuarios e transportistas (as licenzas da Coruña son dunha empresa colaboradora). Si que é certo que os primeiros días tivemos máis demanda do esperado e o servizo estaba totalmente colapsado", declarou Daniel Georges, o CEO de Bolt en España.
Os taxistas da Coruña apuntan que máis do 90 % da súa frota tamén é verde e aseguran que ningún dos máis de 500 taxistas das dúas asociacións da cidade se van ofrecer na App de Bolt porque teñen unha propia.
Con moitas reticencias ante a chegada desta multinacional con matriz en Estonia, os do taxi din que vixiarán que a nova operadora cumpra as regras. Os traslados urbanos e inmediatos están reservados para o taxi, segundo a normativa autonómica.
"Con Uber xa vimos coches deles cargando nas paradas, á man levantada. E claro que temos preocupación porque cada día hai máis e vemos que nun momento determinado imos chegar a un punto que vai haber máis vehículos VTC que taxis", explicou Antonio Vázquez Ramos, o Presidente de Radiotaxi Coruña
Instan o Concello a evitar competencia desleal. No último ano e medio, a Xunta rexistrou por parte de operadoras VTC máis de 43 infraccións.