Escóllese en Silleda o mellor condutor de bus do mundo
As cualidades e atributos que debe ter un condutor de bus examínanse estes días ao detalle en Expobus Iberia
Manexar un vehículo ríxido de 18 toneladas e 13 metros de longo non está ao alcance de calquera. E menos se leva a bordo 60 persoas. As cualidades e atributos que debe ter un condutor de bus examínanse estes días ao detalle en Expobus Iberia, en Silleda. Alí escollen o mellor condutor de 2025 nun concurso internacional.
"Comprobamos a pericia que teñen e tamén valoramos a suavidade, a posición, seguridade. E a maiores temos unhas probas de percepción de altura e anchura do vehículo", explica Paco Vázquez, instrutor da proba.
Avalíase tamén o comportamento e actitude dos condutores. Algúns causan receos infundados entre os pasaxeiros pola súa xuventude.
"Veño dunha empresa familiar. Meus pais son os donos e eu isto lévoa no sangue desde pequeno. É unha responsabilidade moi grande porque levas moitos pasaxeiros e iso tamén esixe un determinado temperamento", cóntanos Diego Banet, condutor de autobús desde hai oito anos.
Pero aínda hai máis dificultades. Os eixes da dirección van por detrás do condutor e por iso hai que xirar dun xeito diferente. Hai moitas partes do vehículo que teñen un voladizo importante e iso fai que os xiros sexan moi peculiares. En España hai medio millón de condutores de bus, e esta é unha desas profesións onde hai vacantes.