O Congreso forza a Renfe a recuperar as indemnizacións por atrasos
O plenario aproba que a Lei de mobilidade sostible recupere os antigos criterios de puntualidade da empresa ferroviaria
O ministro de Transportes cuestiona a eficacia da medida porque pode afectar a "libre competencia" e Renfe avaliará a fórmula para seguir aplicando as compensacións vixentes
A conxelación das taxas aeroportuarias de Aena non conseguiu prosperar porque o PP só sumou o apoio de Vox
Junts, a pesar da ruptura co Goberno, abstense e impide derrogar o peche de nucleares
O pleno do Congreso aprobou algunhas das emendas máis relevantes que introduciu o Senado no proxecto de Lei de mobilidade sostible, entre elas a que obriga ao Ministerio de Transportes a recuperar os antigos criterios de puntualidade e indemnizacións de Renfe que o ministro Óscar Puente modificara o pasado 1 de xullo.
Desde entón, Renfe devolve o importe íntegro do billete de Ave, Avlo, Alvia, Euromed e Intercity cando o atraso supera os 90 minutos (fronte aos 30 minutos de ata entón), e o 50 % con demoras de máis de 60 minutos (15 minutos antes).
O PP obtivo o apoio de Vox, ERC, Junts, Podemos e BNG para sacar adiante a emenda.
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, cuestionou a eficacia que terá que a emenda introducida na Lei de Mobilidade Sostible para obrigar a Renfe a recuperar as indemnizacións por atrasos de 15 e 30 minutos no AVE, pois lembra que non é a única compañía que opera e que pode afectar a libre competencia.
Foi en xullo de 2024 cando a empresa pública decidiu suprimir as indemnizacións por eses atrasos e fixalos só a demoras de polo menos 60 minutos. O PP veu pronunciándose en contra deste criterio desde entón e aproveitou o paso da Lei de Mobilidade Sostible polo Senado, onde ten maioría absoluta, para introducir unha emenda que obrigue a Renfe a recuperar as súas indemnizacións antigas.
Con todo, o titular de Transportes dubida da eficacia desta proposta por dirixirse unicamente a un axente do sector e non a outras operadoras como Ouigo ou Iryo. "A ver que percorrido ten", dixo Puente momentos despois de aprobarse a emenda.
"Só quere penalizar a Renfe"
Logo de coñecerse a decisión, Renfe sinaluou que avaliará a fórmula xurídica para seguir aplicando as compensacións vixentes, que defende que son as máis vantaxosas do sector para os usuarios, e sinala que unhas diferentes ás actuais deixarían á compañía en inferioridade de condicións respecto a os seus competidores.
Fontes da operadora aseguraron que a emenda só quere penalizar a Renfe, empresa española e pública, e non a outras compañías como Ouigo e Iryo.
"Quere penalizar á empresa pública que ofrece servizo fundamental a millóns de persoas e que é fundamental para a vertebración de España", sostén Renfe.
A xuízo da operadora española, pedir estas compensacións só a unha empresa, nun réxime de competencia nos servizos comerciais, é condenar á compañía e aos traballadores públicos a competir en clara desvantaxe.
O Congreso tamén avalou a emenda que introduciu o PP no Senado para garantir as paradas, horarios, frecuencias e rutas actuais do transporte estatal por autobús nas vilas. Ademais dos populares, votaron a favor Vox, UPN, Junts e PNV.
Para o PP, que o mundo rural non perdese rutas nin frecuencias no novo mapa concesional de autobuses foi o "corazón do debate" durante toda a tramitación desta lei, lembrou hoxe a deputada Ana Martínez.
Así mesmo os populares sacaron adiante a súa emenda para incluír na lei a elaboración dun plan nacional de descarbonización do transporte marítimo e, co apoio de Vox e Junts, lograron eliminar do texto a disposición que, a iniciativa de ERC, instaba á Dirección Xeral de Tráfico a modificar as etiquetas ambientais dos vehículos.
Outras emendas relevantes que introduciu o PP no Senado non conseguiron os votos suficientes para saír adiante no Congreso, entre elas a de conxelar as taxas aeroportuarias que Aena cobra ás aeroliñas e a destinada a suprimir a "data de cesamento definitivo" da actividade das centrais nucleares de Almaraz, Ascó I e Cofrentes.