Así prestará o servizo Renfe mentres a liña Ourense-Vigo continúe cortada
A ferroviaria habilita traslados por estrada e cambios puntuais de estación tras o descarrilamento do sábado pasado nas Neves
Renfe actualizou a información sobre as modificacións puntuais do servizo de tren entre Ourense e Vigo, tras o descarrilamento dun tren de mercadorías nas Neves o pasado sábado, e confirmou que habilita trasladados por estrada e outros cambios, debido á interrupción da circulación ferroviaria entre As Neves e Salvaterra.
Deste xeito, os servizos dos trens Rexional 12623 -que sae de Ourense ás 10:05 horas con destino á estación de Vigo-Guixar- e o Rexional 12608 -que sae de Vigo-Guixar ás 14:07 horas con destino Ourense- prestaranse estes días por estrada entre Arbo e Vigo-Guixar.
Por outra banda, os viaxeiros dos trens transversais 621 e 622, que conectan Galicia con Cataluña, con orixe/destino Vigo, realizarán o traxecto en tren, aínda que desviados pola vía do Eixo Atlántico e coa estación de Vigo-Urzáiz como orixe/destino (en lugar de Vigo-Guixar).
O mesmo ocorrerá coas súas ligazóns, o Rexional 12477 (Ourense-Vigo) e o Rexional 12474 (Vigo-Ourense), que efectuarán parada por este motivo en Redondela. Para os viaxeiros con orixe/destino Guillarei e O Porriño o servizo prestarase por estrada.