A circulación entre Vigo e Ourense, suspendida sine díe polo descarrilamento do tren nas Neves
O descarrilamento do tren o pasado sábado día 15 de novembro que afecta varias liñas de ferrocarril en Galicia segue a condicionar a circulación ferroviaria
A orografía da zona onde se produciu o descarrilamento dificulta o acceso dos guindastres
Renfe ofrece un servizo alternativo para os tramos afectados: o autobús
A circulación ferroviaria entre Vigo e Ourense continúa suspendida debido a que se están levando a cabo os traballos de retirada do tren que descarrilou nas Neves (Pontevedra) na tarde do pasado sábado, día 15 de novembro.
A forza do impacto e a inercia que levaba o tren fixo que nove dos dezasete vagóns saíran por completo dos raís. Quedaron uns enriba dos outros. As arredor de trinta e cinco bobinas de aceiro que transportaba e o propio tren superan as mil toneladas de peso. Iso explica o xeito en que se formou o amasillo de ferros e o estrondo que escoitaron os veciños.
Segundo fontes do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), consultadas por Europa Press, a circulación está interrompida desde esa xornada.
A orografía da zona onde se produciu o descarrilamento dificulta o acceso dos guindastres que terán que empregarse para retirar a parte do convoi máis afectada. O Adif apunta, segundo as primeiras valoracións, un desprendemento no noiro pola chuvia como hipotética causa do accidente. Aínda que non se desbotan outras posibilidades, que investigan tamén a Garda Civil.
"Ata que non se retire non podemos entrar a valorar a reparación necesaria e estimar prazos. De momento, estamos á espera", apuntaron as mesmas fontes.
Ademais dos danos ocasionados na vía, resultou afectada a rede eléctrica, que levará tempo repoñer. Un prazo que se podería alongar varias semanas. Mentres, Renfe indica que os pasaxeiros deben cubrir o traxecto entre Vigo e Ourense en autobús, un servizo alternativo.
En concreto, segundo fontes da compañía consultadas por Europa Press, son catro os trens diarios de Media Distancia afectados, que percorren o traxecto entre Vigo Guixar e Ourense, dous en cada dirección. Así, os viaxeiros son transportados en autobús ata Arbo, para seguir coa súa viaxe.
Ademais, os usuarios do tren de longa distancia a Barcelona, que varios días á semana realiza ese traxecto, son trasladados en bus ata Ourense ou desde a cidade das Burgas ata Vigo.