Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda esixe ao Goberno un compromiso para a saída sur de Vigo e deixar de facer "trampas"

Rueda esixe ao Goberno un compromiso para a saída sur de Vigo e deixar de facer "trampas"

Tras coñecer que o ministerio prorroga un ano máis os informes, Rueda lembra que a Xunta leva tempo avisando de que era imposible que a conexión estivese rematada no 2030 como prometía o Goberno

O presidente da Xunta pídelle ao Goberno central que dunha vez poña investimentos para a conexión por AVE de Galicia con Portugal

Alfonso Rueda, acompañado polo alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, durante a visita que realizou este xoves a Carballo (EFE/Cabalar)
G24.gal 20/11/2025 15:09

O presidente da Xunta pídelle ao Goberno central que dunha vez poña investimentos para a conexión por AVE de Galicia con Portugal. Tras coñecer que o ministerio prorroga un ano máis os informes sobre a saída sur do Vigo, Alfonso Rueda lembra que a Xunta leva tempo avisando de que era imposible que a conexión estivera rematada no 2030 como prometía o Goberno.

"De nada serve tentar facernos trampas a nós mesmos", advertiu, como considera que fai o Executivo central.

Desta maneira pronunciouse sobre o novo atraso nesta infraestrutura ferroviaria, tras coñecerse este mércores que o Ministerio de Transportes acaba de validar unha modificación do contrato coas adxudicatarias que amplía o prazo de execución once meses.

En declaracións este xoves, tras un acto en Carballo (A Coruña), Rueda lamentou que "por desgraza" esta noticia non sorprendeu a Xunta, que xa leva avisando hai moito tempo de que "en ningún caso ían poder cumprir os prazos" anunciados para o ano 2030, algo que agora "se confirma outra vez" co atraso para o estudo informativo.

"Segue habendo moitos papeis e ningunha execución material nin consignación orzamentaria", criticou Rueda, quen asegurou que "non hai outra solución que denuncialo e facer forza cos municipios portugueses e o Goberno portugués" como fai a Xunta ante o que considera falta de apoio do Goberno español.

Rueda advertiu de que se o Executivo non se toma esta infraestrutura "en serio" existe o perigo de que a conexión para o tren de alta velocidade siga avanzando ao lado portugués e chegue á fronteira con Galicia, mentres o Goberno central continúe "discutindo sobre papeis e facendo promesas de datas que saben dabondo que non son verdade".

"Así non podemos seguir", insistiu, polo que reclamou ao Goberno que poña o diñeiro, ben a través da aprobación duns orzamentos xerais do Estado -cuxa falta por terceiro ano consecutivo cre que "ten que ver tamén" con estes atrasos- ou dalgunha outra maneira para que "se liciten as obras".

Neste sentido, apostou por poñer "unha data definitiva" sendo realistas e sen "enganar á xente" porque, segundo a Xunta, ao ritmo que vai o proxecto da saída sur de Vigo "antes do 2036 ou 2038 non vai estar". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade