A vía férrea Monforte-Ourense estará cortada por obras oito meses
Renfe habilitará transportes por estrada para os viaxeiros
A conexión por tren entre Monforte e Ourense estará cortada por obras desde finais de novembro e durante oito meses. Nese tempo os viaxeiros terán a opción de facer o percorrido en autobús.
Haberá dúas conexións diarias desde as dúas estacións para os traxectos de media distancia. Redúcese a unha conexión para os de longa distancia. O peche faise para realizar os traballos de reelectrificación da liña, dentro do plan das obras de mellora da liña Monforte-Ourense.
O corte do tráfico ferroviario durará desde o 21 de novembro ata o 21 de xullo de 2023. As obras tamén contemplan a rehabilitación doutros elementos e infraestruturas ferroviarias.
O Ministerio de Transportes destina 24 millóns de euros para as obras de reelectrificación da liña. Ademais da renovación da catenaria, simultaneamente faranse obras de mellora e rehabilitación en estacións e outros elementos ferroviarios por importe de 17 millóns.