Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veciñanza plántase fronte á venda de drogas no Banco do Pobre, en Santiago

A veciñanza plántase fronte á venda de drogas no Banco do Pobre, en Santiago

A conflitividade esta indo en aumento, con roubos e agresións que se estenden pola cidade

Alertan dun aumento do consumo de crack e heroína, que se confirma pola presenza de xiringas

G24.gal 17/02/2025 14:30

Xiringas, culleres e papel de aluminio... son os restos do paso dos toxicómanos en pleno campus sur de Santiago, unha imaxe habitual en toda a zona do Banco do Pobre, inicio e fin dos males dos veciños da zona.

"Cristais rotos, xeringas, intercambios verbais coa xente que está traficando", explica Marcos García, veciño da avenida de Barcelona.

"Os 'camellos' van coas mochilas e están deixando as doses con droga na zona do campus. Dende hai dous anos o tema foi a peor pero ultimamente, estes últimos tres ou catro meses, é moito máis grave", engade José Manuel López, membro dunha das mancomunidades da zona.

O accidente dun rapaz que se picou cunha xiringa no parque infantil foi a gota que colmou o vaso, pero o problema esténdese pola cidade xa sexa en forma de tirón de bolso...

"A min tiroume no chan, doume un golpe tremendo na cabeza e marchoume co bolso e con todo. Nun día roubaron a varias señoras, todas maiores. A min quedoume moito medo, que xa non me atrevo a sacar o lixo eu soa", confesa unha muller que non quere dar a cara por medo.

Ou de asaltos a negocios. Cada semana caen varios e hai que recoñecer que os ladróns, case sempre os mesmos e co mesmo modus operandi, non escatiman en esforzos. No Langrina, un dos últimos negocios afectados, rebentáronlle os contrafortes de madeira.

"Temos unhas trancas e para poder acceder ao local tiveron que arrancalas, desde fóra, empurrando. Foron directamente á barra e arrancaron o caixón. Non levaron nada máis", explica Miguel Chapado, encargado do restaurante Langrina.

Buscan carto fácil, de pouco efectivo pero de moito estrago. 

"Un 7 % dos sinistros que temos en pemes son de roubos, cun custo medio de 1.600 euros do propio roubo, pero despois veñen aparelladas outras perdas como é a paralización da actividade, mentres se repara e teñen que deixar de traballar ou perdendo de gañar", sinala Constatino Bargo, director de Mapfre na zona de Santiago.

A veciñanza dos barrios máis próximos ao Banco do Pobre vaise reunir esta tarde no local social para tentar frear esta deriva. Todo apunta a que detrás está un aumento no consumo de crack e de heroína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade