A veciñanza denuncia os perigos dunha fábrica en ruínas na Pobra do Caramiñal
Está na zona da Ribeiriña, e trátase dunha fábrica de fariña de peixe abandonada hai 21 anos
Cubertas e paredes están semiderruídas, acumula lixo e residuos industriais, e os accesos están abertos
Foi unha fábrica de fariña de peixe, e leva 21 anos abandonada na Pobra do Caramiñal. Dende entón, din os veciños da Ribeiriña, foise arruinando. Denunciaron varias veces os perigos que entraña a construción, en estado de ruína. Xa deu varios sustos: o último, un incendio no interior que queimou unha morea de lixo. Para a veciñanza, unha pinga máis nun vaso que xa reborda.
"Isto é unha bomba de reloxería, que en calquera momento pode estalar", di Samuel Domínguez, presidente da asociación de veciños. "O outro día foi un incendio, e grazas que foi unha cantidade pequena, pero é un cúmulo de cousas que co tempo vanse facendo bola", engade.
A listaxe de perigos que enumeran os veciños é ampla: "soportais de moitas toneladas suxeitos por cables, cubertas volátiles, ou residuos que supoñen un perigo tanto para a xente que pode acceder á nave como para a propia ría", di Samuel.
"Ou mesmo para a xente que vai polo paseo, tamén pode caerlle un cano ou algo" engade Antón Rodríguez, vogal da asociación.
Pero o maior perigo que ven é que os accesos a este recinto están desprotexidos. "Hai portas, valados que puxeron cun arame, pero móvelo e entras, ou na zona superior, que hai entradas que das un paso e caes ao baleiro", denuncia Antón. Cónstalle que a xente entra: "Podedes ver moitísimos graffitis, e é que aquí entra moita rapazada", di.
Son trescentos veciños e veciñas na asociación A Ribeiriña-Conchido, e están mobilizados para pedir solucións. Denuncian que, na lea de competencias, ninguén se faga cargo disto.
"Xa presentamos unha denuncia na Fiscalía, fixemos unha manifestación no centro da aldea... Non temos medios para facer moita máis presión, que seguiremos facéndoa coa axuda da veciñanza, pero solicitamos ás administracións que senten e se poñan de acordo entre todas", di Samuel. "Simplemente que a tiren abaixo e poida durmir tranquila a veciñanza, sen ter que estar pendente de ocorre algunha desgraza", engade.