Publicador de contidos

Publicador de contidos

A veciñanza de Xunqueira de Espadanedo únese para axudar unha familia

A veciñanza de Xunqueira de Espadanedo únese para axudar unha familia

Iniciaron unha campaña solidaria para a familia que perdeu todo nun incendio, no lugar da Touza

Recompilan alimentos, roupa e calzado

G24.gal 15/12/2025 13:52

Os tres bares da vila, a Oficina de Turismo e máis o museo de Niñodaguia son os puntos de recollida do material, que posteriormente trasladan ao ximnasio do antigo colexio para clasificalo. Os promotores da iniciativa, Cáritas, Concello e Protección Civil solicitan alimentos, produtos de hixiene, roupa e calzado. Tamén lles buscan unha nova vivenda de alugueiro na zona.

Sindy Caneiro, Cáritas de Xunqueira de Espadanedo: "O primeiro era vestimenta e alimento para estes días. De momento viven cuns familiares, pero a curto prazo. Buscarémoslles un alugueiro".

O lume, que se iniciou na noite do venres pasado, calcinou por completo a vivenda, situada no lugar da Touza, e mesmo afectou outras dúas lindeiras. Deixou sen nada un parella e a súa filla de catro anos. Tamén perderon as súas mascotas, como nos relataba a muller o día despois do incendio.

"Todo o material, pero queda a angustia, a tristeza, a dor pola miña cadeliña, a gata... dá moita tristura, nostalxia", contábanos Angie Vanesa Tonulada, a muller que vivía na casa que ardeu.

Naturais de Colombia, levaban un tempo vivindo aquí e o propósito da campaña solidaria é que o poidan seguir facendo.

Incendio en Vilavella

Tamén no concello da Mezquita están estudando a maneira de lle axudar a dona doutra vivenda que ardeu o sábado, horas despois do incendio de Xunqueira. Neste caso, a muller non estaba na casa, pero si os seus tres cans. Só un sobreviviu.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade