Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vaga de calor dispara os termómetros por riba dos 40 graos

A vaga de calor dispara os termómetros por riba dos 40 graos

As comunidades máis afectadas son Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha e Madrid 

O luns e martes continuará o ascenso dos termómetros, tamén no norte, no sueste peninsular e nas Baleares.

G24.gal 12/06/2022 20:59 Última actualización 12/06/2022 21:12

Aínda non chegamos á metade de xuño, pero xa chegou a España a primeira vaga de calor do ano, que pode prolongarse polo menos ata o xoves, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía. Os termómetros superaron hoxe os 40 graos en zonas de Estremadura, Andalucía e Castela-A Mancha. Na zona centro e na área mediterránea superáronse os 35 graos, uns niveis máis altos do habitual para esta época do ano.

A calor disparou este domingo os termómetros en boa parte da Península, no que é a vaga máis temperá e a máis intensa ocorrida nun mes de xuño. Con tanta calor, a primeiras horas da tarde moitas rúas estaban case baleiras nas zonas máis afectadas. E os que se atrevían a saír era con abano en man, con gorra, botella de auga... ou buscando a sombra, unha fonte ou un xeado para refrescarse.

O ascenso das temperaturas deixaba máximas por riba dos 40 graos en zonas de Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha. 

A Axencia Estatal de Meteoroloxía situaba nesta xornada o peor do inicio desta vaga de calor nesas comunidades autónomas, xunto coa de Madrid, nas que xa a primeira hora da mañá activaba o aviso laranxa.

Nas horas centrais do día o termómetro alcanzaba, por exemplo, os 43 graos en Xaén, os 42 en Córdoba e en Sevilla, todos eles valores pouco habituais para xuño.

A vaga de calor tamén afecta a Aragón, Cataluña e as Baleares, pois superáronse os 35 graos en Mallorca e no val do Ebro.

Á Comunidade Valenciana non chegou a vaga de calor pero as altas temperaturas invitaban a moitos a pasar o día na praia.

Días tórridos en moitas vilas e cidades, pero as noites tamén se prevé que sexan sufocantes con valores entre os 20 e os 25 graos en amplas zonas do sur e o centro da Península. O luns e o martes continuará o ascenso dos termómetros, tamén no norte, no sueste peninsular e nas Baleares. O episodio de calor durará polo menos ata o xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos